«Que o traballo entrara en competición e coñecer a Lucila Valente foron grandes regalos»

La Voz

OURENSE

01 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O cineasta carballiñés contou cunha axuda do Agadic para desenvolver o seu proxecto audiovisual e nada máis rematar Manuel Vilariño. Ser luz foi seleccionado para participar no OUFF 2016 e para facelo dentro da sección de Competición Iberoamericana. Un seu traballo anterior -Los días blancos. Apuntes sobre el rodaje de Nostalghia (Andréi Tarkovski)- pasou por certames de Rusia, Brasil, Italia e España (Málaga) máis non nas condicións do OUFF. «Que a proposta tivese esta acollida por parte dos organizadores do festival para nós é un gran regalo e dálle un valor engadido ao documental», sinala Mouriño. Aínda que non foi esa a única boa nova vencellada con este proxecto.

O realizador sumou outra agradábel e inesquecíbel sorpresa no desenvolvemento da iniciativa: coñecer a Lucila Valente, filla do poeta ourensán. Mouriño fai un silenzo na conversa e afirma rotundo: «Que o traballo entrara en competición oficial e coñecer a Lucila Valente foron os dos grandes regalos deste proxecto sobre Manuel Vilariño».

O carballiñés califica de fundamental a aportación dela. Mouriño viaxou a Xenebra logo de contactar con ela e explicarlle o seu proxecto «e atopeime a unha persoa extrarodinaria, tremendamente culta e coa que é un verdadeiro pracer falar da obra do seu pai, e que se implicou moitísimo. Grazas á aportación de Lucila Valente este documental é algo diferente e ten un valor engadido», segundo o director.