Epidemia de «arteRÍOesclerosis» en Ourense


Para os ecosistemas, a rede hidrográfica é o equivalente ao noso sistema circulatorio de venas e arterias. A nosa vida e saúde dependen moito do estado da sangue e o sistema circulatorio. A subsistencia e a saúde dos ecosistemas, terrestres e acuáticos, dependen estreitamente da calidade e cantidade de auga e do bo estado da rede hidrográfica.

Os humanos podemos sufrir arteriosclerose por un exceso de colesterol malo e un déficit de colesterol bo. Os sistemas fluviais ourensáns padecen unha grave epidemia de arteRÍOesclerose provocada pola moi perigosa combinación dun enorme exceso de cementerol malo (encoros, canalizacións, escolleiras, paseos fluviais,...) e un gran déficit de cementerol bo (depuradoras, redes de saneamento,...).

As consecuencias do cementerol acumulado durante setenta anos son ben visibles en toda a provincia: en Ourense non subsiste ningún río de primeira división (ou de segunda) que non estea brutalmente transformado pola (sobre)explotación humana. Miño, Sil, Limia e os seus maiores afluentes están inzados de grandes encoros, minicentrais, túneles e canais de derivación que afogaron os vales augas arriba e deixan secos os ríos augas abaixo cando lles convén ás hidroeléctricas. O Limia decapitárono ao desougar a «xoia da coroa» dos humidais ibéricos de auga doce, a lagoa de Antela, e logo a súa rede hidrográfica padeceu unha artificialización case completa, que afecta tamén a moitos treitos urbáns doutros ríos. Sexa para abastecemento humano mal entendido ou para un regadío moi ineficiente, a meirande parte dos pequenos cursos fluviais sofren unha estiaxe agravada polo desbaldimento de auga, chegando a secar no verán, ao igual que outros máis importantes como o Támega e o Limia.

Quince anos despois de expirado o prazo da Unión Europea para que as augas residuais das vilas tivesen unha axeitada depuración, e malia recibir unha chuvia de millóns da UE (a miúdo malgastados en trapalladas!), demasiados ríos ourensáns afogan cos nosos vertidos... e os das granxas industriais que proliferaron sen base territorial para absorber os seus puríns. Mala sinal cando as analíticas din que temos o ácido úrico moi alto, ou algunha parte do noso corpo se pon amarela ou azul. Igual de mala cando as augas dos ríos baixan saturadas de nitróxeno e fósforo, facendo que os encoros se tingan de verde ou azul pola eutrofización (As Conchas, Castrelo, Cachamuiña...). Por se fora pouco, nas augas (Ludwigia grandiflora, caranguexo e visón americano) ou nas ribeiras (acacias, robinias...), unha nova praga bíblica ameaza aos ríos: as especies invasoras.

Hai aínda esperanza para os ríos ourensáns? Definitivamente si: que as autoridades cumpran e fagan cumprir a Directiva Marco da Auga. Nada máis, nada menos.

Serafín González é presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Epidemia de «arteRÍOesclerosis» en Ourense