«O PP de Ourense aínda non acadou o seu teito de cristal, ten capacidade para mellorar»

OURENSE

Santi M. Amil

Para o líder dos populares a esquerda está moi dividida e o PSOE deixou de ser unha alternativa real

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O PP non deixou marxe para a dúbida na noite do domingo: subiu en votos, ata os 92.418, e case catro puntos na porcentaxe de apoio con respecto ao 2012.

?Cal é a valoración dos resultados?

?Altamente positiva. Cumprimos as expectativas máis autoesixentes e conseguimos unha maioría absoluta que nos permitirá gobernar durante os próximos catro anos.

?Contaba con conseguir os nove deputados?

?Sempre dixemos que o oitavo estaba asegurado e que traballabamos co obxectivo de acadar o noveno. E conseguímolo. Incrementamos o número de votos e a porcentaxe de apoio, en catro puntos, e cumprimos o reto. É un feito histórico porque trátase da primeira vez na que teremos 9 deputados, desde que se baixo de 15 a 14 representantes pola provincia de Ourense.

?O PSOE andivo enredado nas liortas internas e quedou a poucos votos do terceiro deputado. Deulle as grazas polo regalo?

?Nós fixemos unha campaña limpa, sen insultos nen descalificacións. E a xente valorou a nosa mensaxe e o noso traballo. Unha maior presenza do PSOE, ou un resultado 2-2 nas xerais por exemplo, sería o normal pero é certo que a esquerda está superdividida e que os socialistas deixaron de ser unha alternativa real. Neste momento son un partido nun evidente estado de putrefacción e iso é unha mágona porque así non se pode facer país. Están instalados na crítica pola crítica e iso non ten futuro. Ademais teño que lembrarlle que o candidato era un exdirixente do BNG e a número dous do partido unha exdirectora xeral da Xunta co PP.

?O respaldo acadado significará un maior compromiso da Xunta con Ourense?

?Non comparto esa visión catastrofista da provincia que fan algúns, e así lles vai. A Xunta está presidida por un ourensán e aquí estanse a desenvolver proxectos emblemáticos, da ampliación do CHUO ao Campus da Auga, entre outros moitos.

?A representación histórica da que falaba marcará unha etapa?

?Para nada. O PP de Ourense aínda non acadou o seu teito de cristal. Temos capacidade para mellorar e imos demostralo nas municipais do ano 2019.