«Nós apostamos polo retorno dos mozos e que teñan traballo na terra»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A cabeza de lista reivindica a loita por unha provincia que ten futuro: «Non hai que chorar, hai que mollarse»

22 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ánxeles Cuña Bóveda (Pontevedra, 1957) hai tempo que se convertiu nun referente no mundo da cultura e nos movementos sociais. O ensino -é profesora de instituto: orientadora na Universidade Laboral- e a escena -é directora de Sarabela, compañía galardoada cun dos Premios da Cultura Galega 2016- son as súas paixóns. Sempre fala claro e faino de forma directa, sen reviravoltas. Co seu perfil, sempre implicada na defensa e reivindicación social, era cousa estraña que nunca pasara a esa sorte de representación que é a política .

-Por que diu o paso agora?

-Procedo de dous sectores masacrados polos recortes. Padezo as consecuencias brutais no ensino e o mazazo en cultura, coa baixada do 55 % no diñeiro destinado a este apartado. Por outra banda teño conciencia de sempre, non é dende hai mes e medio. Despois coñecín o ideario, e compartoo. E cando vas subir a un barco necesitas un bo timonel, e Luís Villares o é. E tamén o amor que sinto por esta cidade e por este país. Nese senso indígname que Ourense sexa a última provincia do Estado. Está abandonada e creo que son motivos moi poderosos e son das que pensa que non hai que chorar, hai que mollarse e ser proactiva. E logo cuestións intrínsecas... e deixámolo aí.

Aínda que non quere incidir no feito as «cuestións intrínsecas» teñen nome, apelido e ideario: a candidata de En Marea é neta de Alexandre Bóveda (o galeguista fusilado na Caeira, Poio, en 1936) e foi criada pola súa avoa.

-Aposta polo reequilibrio territorial e un plan de investimentos de 3.000 millóns. Cales serían as medidas prioritarias?

-A prioridade é facer un decreto de urxencia para atender á xente que padece perigo de exclusión social. Deter o calendario de aplicación da Lomce, rematar coas lista de espera -por vez primeira está habendo listas de espera en Primaria- e logo medidas encamiñadas a potenciar o ensino e a sanidade pública. Favorecer os sectores produtivos, do gandeiro ao forestal ou vitivinícola, recuperar os servizos públicos ou potenciar a atención aos maiores son parte desas medidas. así como favorecer o relevo xeracional no comercio, entre outras. Unha das vitais será a aposta polo I+D+i, destinando o 2 % do presuposto a estas accións.

-Como ve ao sector cultural?

-A cultura ourensá está na liña do sector en Galicia; padecendo un recorte brutal do 55 %. No 2008 o presupusto para cultura era do 1,27 % e na actualidade é o 0,6 % do orzamento da Xunta. Queremos voltar ao presuposto do 2008 e crear unha Consellería de Cultura, sen estar unida a Educación. O sector ten na actualidade moita precariedade e estao pasando moi mal. A cultura é un ben universal e como tal faremos unha aposta clara por ela.

-As medidas urxentes inclúen un compromiso pola igualdade.

-Galicia é a segunda comunidade autónoma en taxa de feminicidios. É terríbel e unha situación indigna. Como se pode recortar en atención ás vítimas e deixar á Policía sen recursos para dar protección ás mulleres afectadas por violencia de xénero? E tamén hai que incidir na educación dos máis novos. O tema das mulleres é vital e non haberá goberno sen mulleres.

-Vostede traballa cos mozos. A emigración é a saída?

-Non. Nunca. Non podemos aceptar iso nin resignarnos. Nós apostamos polo retorno dos mozos e mozas emigrados, que non van por aí coñecer mundo senón poque non lle damos a oportunidade de traballar aquí, e este é un talento que se perde e unha oportunidade de produción que se vai. Hai que revertir esta situación; o que temos é por abandono, por desleixo e polo roubo: somente con que retornen os cartos dos paraísos fiscais e dos chourizos isto cambia. Os rapaces deben ter futuro na súa terra e na súa provincia.

-Cambiando de pau. A política é teatro?

-É distinto o escenario. É representación, si, pero da cidadanía. Entendo o teatro máis como caída de máscaras e na política hai moito que desenmascarar.

-Como directora teatral que papel lle daría a Feijoo?

-Como amigo dun narcotraficante daríalle un papel protagonista en El padrino.

-A Román Rodríguez?

-Estaría na montaxe Ascenso e caída da Consellería de Cultura.

-E a Baltar?

-Sería o Ignatius Reilly de A conxura dos necios.

«Entendo o teatro máis como caída de máscaras e na política hai moito que desenmascarar»

«Como se poden recortar os recursos en atención ás vítimas de violencia de xénero?»