Ábrese ao tráfico a nova ponte sobre o río Miño 

La Voz

OURENSE

cedida

A nova infraestrutura, cunha lonxitude de 200 metros e 5 de ancho, permitirá o uso compartido por parte de vehículos e peóns

21 sep 2016 . Actualizado a las 21:52 h.

Na xornada de onte procedeuse a abrir ao tráfico a nova ponte de Os Peares. O proxecto acortou de forma salientable os prazos de execución, algo no que xa incidira a conselleira de Ethel Vázquez nunha recente visita ás obras, e coa entrada en funcionamento desta ponte os veciños de Os Peares verán reducido en cinco quilómetros o acceso á zona da estación de ferrocarril e ao núcleo de poboación deste lugar con respecto ao actual trazado -para chegar a este punto había que dar un rodeo e circular por enriba da presa, o que se traducía en máis tempo e quilómetros para facer o percorrido-. A nova ponte conta cunha lonxitude de case que 200 metros e un ancho de 5 metros e segundo se indicou onte dende a Xunta esta circunstancia «posibilitará o uso compartido por parte de vehículos e peóns, aínda que lle dará prioridade ao uso peonil». Tamén se indicou que para completar e favorecer os desprazamentos a pé, unha nova senda de máis de 300 metros comunicará a ponte co núcleo de casas situadas augas arriba, nos Peares, pola marxe esquerda. Esta infraestrutura mellorará a mobilidade e incrementará a seguridade viaria dos veciños da Peroxa, de Pantón, de Carballedo e de Nogueira de Ramuín, co obxectivo de que teñan unha mellor comunicación coa rede principal de estradas».