«O investimento en educación e servizos sociais será prioritario»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O cabeza de lista do partido de Albert Rivera defende a transparencia e o reequilibrio territorial

17 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O candidato de Ciudadanos pola provincia de Ourense afronta a súa primeira cita electoral. Confesa que decidiu no seu día implicarse no proxecto de Albert Rivera porque lle gustaban as súas propostas de rexeneración da vida política, a transparencia e a aposta por un novo xeito de implicarse na sociedade. Carlos Vázquez (Monforte, 1966) é médico inspector da Seguridade Social. Cursou estudos de Medicina en Compostela, é neurólogo, e tamén se licenciou en Dereito.

-Aínda que a tendencia non se mantivo nestes días, as primeiras enquisas daban un deputado ao seu partido por Ourense. Cre que se confirmará esa situación?

-As enquisas polo xeral son moi variables e non podes estar pendente delas, trátase de traballar e agardar que os cidadáns apoien as túas propostas.

-Vese na Cámara galega?

-O importante é ter a confianza dos electores para poder trasladar as nosas propostas e as demandas de Ciudadanos ao Parlamento de Galicia.

-Que medidas ou proxectos prioritarios propoñen para a provincia de Ourense?

-A rexeneración democrática e a transparencia teñen que marcar a actividade nas institucións. E quen non admita esas premisas debería estar fóra das mesmas. E nun caso de negociación Baltar vai ser un dos principais puntos de debate.

-En caso de que o PP estivese en minoría logo do 25-S e necesitase do apoio de Ciudadanos, de ter vostedes representación, esixirían a renuncia de Baltar?

-A primeira das condicións pasaría por apartar das institucións e dos cargos públicos ás persoas imputadas. O caso do que estamos a falar atenta contra a ética e unha situación así desprestixia á institución. Se o que vostede me pregunta é se Ciudadanos condicionaría un pacto co PP, en caso de chegar a ese extremo, a que se vaia a resposta é que si. Un hipotético apoio ao PP pasaría inexcusablemente pola renuncia de Baltar. Esa sería unha das condicións previas para negociar.

-Na visita de Albert Rivera a Ourense volveu incidir no apoio aos emprendedores e aos autónomos. É esa a principal iniciativa de Ciudadanos para a provincia.

-Non. É unha delas. Nós apostamos pola acción social e o compromiso con Ourense, investindo en educación e dependencia ese diñeiro que se está gastando ata o de agora de maneira non axeitada. Tamén imos desenvolver medidas para rexuvenecer a provincia e loitar coa lacra do desemprego como accións urxentes. Os proxectos para revitalizar o rural e poñer en valor os nosos produtos -fomentando a colaboración e asociación para competir no mercado globalizado- son tamén prioritarios.

-Defenderá a discriminación positiva?

-Discriminación positiva, reequilibrio territorial ou como se queira definir, o obxectivo e dinamizar a provincia de Ourense.