«Temos unha enquisa que nos dá un deputado seguro»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Antonio Cortés

O cabeza de lista de DO lembra que esta formación aposta por dinamizar a provincia e crear emprego

14 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O cabeza de lista de Democracia Ourensana nestas autonómicas ten as cousas claras. Non dubida, xa está contestando antes de que remate a pregunta e a mensaxe é directa: Ourense por riba e todo e calquera que necesite do apoio de D. O. vaino ter a cambio do compromiso de investimentos e de creación de postos de traballo na provincia. Miguel Caride (Ourense, 1964) é avogado.

-As enquisas varían na asignación de un deputado. En todo caso sería para Ciudadanos, PP ou BNG, nunca para DO. Confía en rachar esa tendencia?

-Dixen dende o primeiro momento que non se fan de forma correcta as enquisas, e podo poñer exemplos de persoas ás que chamaron telefonicamente para preguntarlle. Nunca se dá a opción de Democracia Orensana porque como só nos presentamos nesta provincia non se nos ten en conta. Xa pasou noutras convocatorias e vai pasar o mesmo o día 25.

-Daquela cre que será deputado autonómico?

-Nós temos unha enquisa propia que nos dá un deputado e que refrexa que estamos en disposición de conseguir o segundo.

-Poñámonos nese escenario. Se son decisivos á hora de gobernar cal serán as súas condicións?

-Nós temos un decálogo de compromisos con Ourense e todo pasa por aí. Nesta provincia están acendidas todas as alarmas e as luces vermellas -co 52 % da poboación activa sen traballo, cun envellecemento excesivo e con moitos indicadores negativos- e nós apostamos por Ourense e estamos convencidos de que isto ten solución. Queremos un compromiso coa provincia, un investimento de 2.000 millóns nestes catro anos, e que se desenvolvan os proxectos que levamos no decálogo e que teñen por obxectivo dinamizar Ourense. Esa é a nosa condición.

-Cales serían eses proxectos ou que prioridades poría enriba da mesa Democracia Ourensana?

-Os referidos á potenciación de sectores como a da industria gandeira, o da transformadora e o da auxiliar, ademais de potenciar o forestal, todo iso para aproveitar a nosa riqueza e conseguir que en lugar de 6.000 sexan 25.000 as familias que podan vivir do sector. Tamén sería unha medida imprescindíbel a creación dun Instituto de Intelixencia Artificial, porque suporá un grande investimento, aportará un prestixio e situará a Ourense no mapa. E do parque acuático que nos copiou o PP podemos deixalo para o final, ou ata prescindir del chegado o caso.

-Xa estivo vencellado á política. Por que optou agora pola primeira liña?

-Estiven no congreso no que se creou o PNG e no 84 e 85 no PSOE, aínda que non me gustou a estrutura organizativa. Din o paso porque creo que os ourensáns temos que loitar por sacar a esta provincia adiante.