«Empezamos a ver que hai recuperación»

x. m. r. ourense / la voz

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O presidente dos libreiros da provincia destaca o incremento da demanda ao longo deste ano

03 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai uns anos José Manuel García Mosquera (Libraría Káthedra) é o presidente dos libreiros ourensáns. Na presentación da feira incidiu na importancia da convocatoria e na necesidade de sumar esforzos para dinamizar o sector e a cidade.

-¿A participación mantense ou vai á baixa?

-O número de participantes é o mesmo que o do pasado ano, aínda que nesta edición incorporamos ao Museo Arqueolóxico.

-Volven ao Paseo.

-É o mellor dos escenarios para a feira. Xa se pasou por outras ubicacións e comprobamos que esta é a mellor, porque a xente atópase coas librarías ao andar polo Paseo e iso sempre facilita que haxa máis potenciais clientes. É o sitio ideal para a feira.

-¿A crise sigue pasando factura?

-Foi pior do que é na actualidade. En Nadal do 2015 xa se notou un incremento e pasou o mesmo en todas as citas que levamos celebrado neste ano: o Día do Libro Infantil, o 23 de Abril e as Letras Galegas -que é cando sacamos as librarías á rúa- foron mellores e houbo máis demanda que no 2015. Empezamos a ver que hai recuperación e esperamos que siga así a cousa.

-¿Que demandan os ourensáns?

-As preferencias pasan polo libro infantil, con diferenza, as novelas e os superventas.