Músico de poemas de amor e desamor

María Cobas Vázquez
maria cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

<span lang= gl >Anxo Rei na casa, ensaiando para o concerto de presentación do seu novo disco este venres. </span>
Anxo Rei na casa, ensaiando para o concerto de presentación do seu novo disco este venres. l. vázquez< / span>

O valdeorrés Anxo Rei presenta o venres o seu novo disco, o quinto, titulado «Rosa»

25 may 2016 . Actualizado a las 21:40 h.

Leva case catro anos apartado da música. Leva catro anos afastado de case todo en realidade. A saúde non leva acompañado, e durante este tempo Anxo Rei dedicouse precisamente a iso, a intentar coidarse. Unha arritmia que agora ten máis controlada pero que aínda dá algún que outro susto, tívoo durante dous anos practicamente sen saír da casa. «Fai un ano cascáronme un marcapasos. Non estou ben de todo, pero si mellor do que estaba», conta. Así que aproveitou esa melloría para dar forma ao que é o seu quinto traballo discográfico, titulado Rosa, que presenta o venres (20.30 horas, no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras).

Rosa son poemas musicados. Versos de autores de renome como Rosalía ou Celso Emilio Ferreiro, que comparten espazo co valdeorrés Xosé Rodríguez Ferrer, «que non lle desfavorece nada», di Rei. De Ferreiro inclúe unha versión de María Soíña que fixo -a música de todos eles é creación propia do cantautor- fai tempo e que quería dar a coñecer. «E hai unha novidade, a canción número 10, que é un dos poemas de Pablo Neruda, un de 20 poemas de amor y una canción desesperada. Tiña gañas de facelo, porque oíra versións de Serrat e de Paco Ibáñez, e quería sacar a miña», resalta. Son, en conxunto, poemas de amor e desamor; nos que tamén hai oco para as vivencias deste tempo. «Nunha canción conto o meu problema de saúde... É sobre a miña vivencia destes anos, que non foron anos fáciles; todo o contrario, foron anos difíciles», engade.

En Rosa, Anxo Rei non está só. Na produción e nos arranxos contou coa colaboración de Jorge Fernández Ojea, un barquense que leva anos sendo habitual na banda que acompaña a Luz Casal, e que vén de estar con Ana Belén e Víctor Manuel xirando por Sudamérica. E para o concerto do venres contará coa axuda de Sito, outro cantautor valdeorrés co que xa tiña tocado cando este era apenas un neno. Décadas despois, ao volver xuntarse, conta Rei que parece que levaran toda a vida cantando xuntos. «Quedan preciosas as cancións. Acóplanse ben as voces, e é máis sonoro», asegura.

Concerto con Sito

Con Sito gaña en presenza no escenario, e tamén en tranquilidade. Recoñece que os nervios xogan malas pasadas. «Se fago un gran esforzo maréome; con Sito podo estar máis solto, non tan tenso», explica. Agora sábese acompañado para subir ao escenario o venres, e iso tranquilízao. Conta que fai pouco máis dunha semana, no acto do Día das Letras (nas que tocou un anaquiño nun festival no que había varios artistas máis da comarca) «custoume moito; antes non me custaba tanto, pero pasou moito tempo», di.

O do venres será o seu primeiro concerto completo en catro anos. A enfermidade apartouno da música en directo cando acababa de sacar ao mercado o seu cuarto disco, O año pitaño, un disco dedicado ao público infantil. Non funcionou demasiado ben, porque tampouco tivo opción de facer moitas presentacións. E é nese tipo de concertos onde mellor saen os discos, porque despois daqueles primeiros (en homenaxe a Tovar e a Florencio Delgado Gurriarán, que pagaron diferentes administracións), tocou apostar pola autoedición para poder publicar. O son da auga vendeuse ben, ao seguinte gañoulle a enfermidade.

Deste Rosa fixo 500 copias. Moitas para un artista que non ten unha distribuidora detrás, confesa. Por iso, na mente de Anxo Rei está facer presentacións noutros puntos de Galicia.

O disco. Para a gravación Anxo Rei ( música e voz) contou cos violíns de Eunice Santos e as guitarras, teclados e programacións de Jorge Fernández Ojea. Foi mesturado e masterizado por Carlos Díaz en PullPush Estudios de Madrid. A fotografía da contracapa do disco é de Gonzalo Álvarez Fresco e o deseño gráfico do álbum é de Joli Domínguez.

 

 

Presentación. Será o venres ás 20.30 horas no teatro Lauro Olmo do Barco. A entrada é de balde