Un mundo por descubrir

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

14 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Confeso, supoño que é o seu falando destas cousas, que non son moito da catedral ourensá. Recoñezo ser máis de capelas, desas pequenas que se foron asentando polos arredores e que están consagradas a santos sonoros e ledos que teñen nome de viño -co Ribeiro por patrón e sinal, que para iso a cidade está dentro da denominación de orixe e as antigas postais dan contan das vides ao pé da ponte de orixe romana-. As que están entre as fontes que se foron ripando dos mosteiros aproveitando aquel particular 15M da desamortización.

Ir, o que se di ir á catedral, vou. Algún acto cultural que outro e se cumpre facer de guía da cidade alá se vai. É o seu neses casos.

E logo de coñecer o servizo de audioguía prometo voltar para disfrutar desa mestura de lendas, datos históricos, episodios senlleiros, sepulcros cativos de infanta e monumentais de bispos e outros prebostes que semellan convertir todo nunha especie de saga literaria con nomes engaiolantes e figuras misteriosas: do bispo Alfonso de Noia a Cornelis de Holanda e da filla de Alfonso X o Sabio a Juan Baustita Celma. Aínda que para mellorar a viaxe histórica haberá que ver o xeito de abrir aos usuarios do servizo o Museo da catedral, facer o mesmo coa capela de San Xoán e co altar maior -describir o requintado do retáblo ou sinalar que un dos sepulcros é único no seu xénero pola súa singularidade e decoración se non te podes achegar de pouco vale- e instalar luz nas capelas e na nave central. Seica será así e mesmo se poderán visitar os tellados. Daquela alí nos vemos.