A Serra da Enciña da Lastra, a gran descoñecida 

La Voz

OURENSE

03 may 2016 . Actualizado a las 17:42 h.

Posiblemente sexa o grande descoñecido dos espazos protexidos galegos, por isto, Sustinea visitará nun roteiro o día 22 de maio o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, onde coñeceremos a gran diversidade de orquídeas do parque aproveitamento a efémera floración dunhas 16 especies.

Situado na parte nororiental da provincia de Ourense, caracterizase por abarca a mellor representación de vexetación mediterránea en Galicia e nel describiuse un total de 16 asociacións ou comunidades vexetais naturais e seminaturais, entre as que se contan bosques mediterráneos calcícolas, espiñares, saucedas, tomiñares, vexetación de paredón calcáreo e diversos tipos de pasteiros. Entre a vexetación destacan seis taxóns de prantas endémicas de Galicia (Armeria rothmaleri, Campanula adsurgens, Dianthus merinoi, Leontodon farinosus, Petrocoptis grandiflora, Rhamnus pumila subsp. Legionensis).

De moi especial significación son as comunidades ligadas a rochedos calcáreos, e en particular a asociación de caméfitos propia de paredóns verticais, nas que a cantidade de endemismos, algúns de distribución moi reducida, é moi alta, incluíndo a Campanula adsurgens e a Petrocoptis grandiflora. Entre a vexetación arbórea e arbustiva predominan os aciñeirais que recobren máis dunha terceira parte do espazo natural e son os máis extensos de Galicia.

Aínda que non ben coñecida, a fauna de invertebrados conta con varias especies de interese. Entre elas destaca o ameazado cangrexo de río autóctono (Austrapotamobius pallipes) cuxa presenza en Galicia está reducida a moi poucos puntos das provincias de Lugo e Ourense. A existencia de grandes cortados calcáreos, é determinante para a existencia da comunidade de aves nidificantes máis rica e singular da Comunidade Autónoma de Galicia, con máis de 100 especies, unha excelente representación de avifauna rupícola e mediterránea no ámbito galego e unha rica comunidade de aves rapaces. Entre estas últimas destaca a presenza de polo menos 21 especies, incluíndo entre as nidificantes (12 especies diúrnas e 6 nocturnas) ao alimoche (única parella en Galicia, que cría regularmente desde o ano 2004), aguia real, aguia culebreira, aguia calzada, o falcón peregrino e o bufo real.

Tamén se rexistrou a presenza na zona do aguia-azor perdiceira, moi rara en Galicia. O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é unha das grandes xoias por descubrir para á maioría dos ourensáns e ourensás onde ademais de especies de flora e fauna poderán descubrir algunhas das paisaxes máis fermosas de Galicia como os cortados do canón do Sil ao seu paso por Covas ou os soutos e campos con orquídeas endémicas