O Arqueolóxico ofrece saídas culturais para coñecer as paisaxes patrimoniais

OURENSE

Santi M. Amil

As visitas serán ao longo do mes de maio e están previstas excursións a San Cibrao de Lás, Santomé, Beade e Castromao 

28 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense celebrará este ano a xornada mundial de homenaxe a estes espazos culturais cun programa de visitas a espazos patrimoniais da provincia. O Día Mundial dos Museos 2016 centra a xornada na paisaxe, e o conxunto de propostas do Arqueolóxico vai neste senso, levando por título «Museos e paisaxes culturais». O progama desenvolverase ao longo de todo o mes de maio e céntrase en tres bloques de actividades: saídas culturais gratuitas pola provincia, obradoiros didácticos para rapaces e un concerto ?cursos e actuación terán como escenario a sede do Arqueolóxico na Praza Maior de Ourense?. As actividades foron presentadas onte polo director do museo, Xulio Rodríguez, e a xefa territorial de Cultura, Mercedes Gallego.

Excursións gratuitas

As saídas culturais aos «espazos que conforman as paisaxes culturais da nosa provincia» desenvolveranse os sábados de maio. O día 7 o destino será o Parque Arqueolóxico de San Cibrao de Lás e a visita ao centro de interpretación e ao castro será guiada por personal do espazo patrimonial. O 14 será o castro de Santomé o lugar que acollerá a xornada divulgativa. Para o 21 está prevista á visita ao pazo da Encomenda de San Xoán de Xerusalén de Beade e rematarán as excursións coa que se levará a cabo o día 28, neste caso para coñecer o entorno paisaxístico e patrimonial de Castromao. As excursións teñen carácter gratuito e haberá un autobús que sairá do parque de San Lázaro ás 10.30 horas. Como as prazas son limitadas, é preciso anotarse chamando ao 988 788 439 ou por correo electrónico a mapour@xunta.es. No caso de Santomé non haberá este servizo: o punto de encontro será o colexio de Mende e dende alí os participantes percorrerán o camiño medieval ata o castro.

   Os obradoiros didácticos do Día Internacional dos Museos desenvolveranse os días 18, 19 e 20 de maio e terán como contido as torres medievais da Limia. Correrán a cargo de Xeitura. A proposta musical, o día 18 ás 21.00 horas, virá da man de Mr. Cool & Felipe Castro. 

Mostra fotográfica

Xulio Rodríguez tamén anunciou que o Arqueolóxico traballa nunha mostra de fotografías do desaparecido Marqués de Santa María de Villar, que desenvolveu unha importante labor como fotógrafo paisaxista entre comezo do século XX e 1960. A exposición poderase ver en novembro e o obxectivo é rescatar as imaxes que Diego Quiroga e Losada fixo das paisaxes culturais ourensás