Bandeiras

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

29 abr 2016 . Actualizado a las 19:29 h.

O idioma esmorece. Os cativos non o falan. Dino as estatísticas e calquera que pase por un colexio ou un parque cheo de nenos. Xa nin sequera importa que os pais falen galego. Os pequenos falan castelán. Só castelán. E iso que está demostrado que non hai limitación á hora de aprender linguas, que non hai un máximo que admita o cerebro. E a pesar diso, o presidente en funcións -o mesmo que despois fala de Orense e Sanjenjo (sic)-  di que é un erro que se «supriman» clases de inglés nos colexios para «poner idiomas muy respetables españoles». Lástima non ser Bárcenas e poder enviarlle un sms para preguntarlle que idiomas son eses. Igual o coruño, ou o macarra, ou... vai ti saber. Certo que non sabía que se impartían nas escolas. Eu pensei que eran outras linguas oficiais as que estaban na situación, non «idiomas españoles». Ou igual é que el non fala galego porque lle ocupaba espazo na cabeza para o seu perfecto inglés (¡oh, wait!, que vai ser que non fala nin un nin outro). Claro que, ¿que se lle vai pedir ao Goberno de Madrid de sensibilidade coa lingua cando o que temos en Galicia parece que xoga a ver se un día coloca ben os pronomes? De momento, perde. Por cada un que atinan os nosos representantes políticos a poñer ben, unha ducia caen onde non é. E despois hai quen di que se persigue o castelán aquí... ¡Si home si! E eu teño un unicornio rosa de mascota. Ou dous. Porque no mesmo día no que Rajoy solta a perla, en Maceda decidiron repartir ducias de bandeiras españolas para festexar a inauguración do campo de fútbol. ¿De verdade era preciso poñer aos cativos a ondear rojigualdas? Eu opino que non.