Adeus a Pastor Fábrega Carballo

OURENSE

<span lang= es-es >Na súa rúa</span>. Pastor Fábrega quixo simbolizar o seu espazo máis emblemático da cidade na súa rúa, diante da casa creada polo seu bisavó, na que viviu ata casar, e un metros máis arriba de onde estaba o seu domicilio. Ás súas costas, a placa de homenaxe aos pioneiros da familia Fábrega.
Na súa rúa. Pastor Fábrega quixo simbolizar o seu espazo máis emblemático da cidade na súa rúa, diante da casa creada polo seu bisavó, na que viviu ata casar, e un metros máis arriba de onde estaba o seu domicilio. Ás súas costas, a placa de homenaxe aos pioneiros da familia Fábrega. Santi m. amil< / span>

O presidente do colectivo Amigos da República finou na madrugada do xoves

25 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo dunha grave enfermidade detectada hai varias semanas, e do seu paso polo CHUO e de reingresar recentemente no centro sanitario, na madrugada do xoves finaba no complexo hospitalario Pastor Fábrega Carballo (Ourense, 1941-2016). Presidente da Asociación de Amigos da República, Pastor Fábrega estaba vencellado a unha das familias que protagonizaron algúns dos proxectos e iniciativas máis salientables da historia da cidade no século XX.

Orixinarios de Cataluña, o primeiro da saga que chegou a Ourense foi o seu bisavó, Tomás Fábrega Figueras, e veu á cidade na súa condición de mestre de obras para o proxecto do ferrocarril Ourense-Vigo. Con anterioridade xa estivera a traballar en Oviedo. Na actual rúa Cardenal Quiroga aínda se mantén a casa creada por el, onde hai uns anos se instalou unha placa en recoñecemento da súa faceta como alcalde de Ourense e promotor dalgúns dos proxectos que marcaron a dinamización da mesma. Un dos seus fillos, Luis Fábrega Coello, tamén foi alcalde da cidade e presidente da Deputación. Militante do Partido Republicano Radical de Galicia, Luis Fábrega foi o deputado máis votado pola provincia de Ourense na convocatoria de 1931. Como aconteceu con moitos dos políticos que xogaron un papel destacado na Segunda República Española, foi vítima da represión que impuxeron os que gobernaron durante a dictadura.

Pastor Fábrega Carballo, o seu neto, foi un dos promotores da asociación creada en Ourense para manter vivo o legado republicano e reivindicar ás personas que foron represaliadas na guerra e na dictadura franquista. Presidente do colectivo Amigos da República na cidade, participaba nos actos promovidos anualmente en San Francisco, nas actividades vencelladas á celebración do 14 de abril e nas propostas e iniciativas que se organizaban vinculadas a proxectos da memoria histórica.

Da paleografía ao Liceo

Profesionalmente, Pastor Fábrega Carballo botou máis de catro décadas traballando na empresa familiar. Participou en moitas das actividades ou proxectos que se foron desenvolvendo na cidade, tanto hai décadas como en tempos recentes, e foi pioneiro nas citas de montaña e esquí na provincia e -hai uns anos- un dos promotores do Arquivo Visual Ourensán, entre outras propostas.

Unha vez xubilado desenvolveu traballos como o de recuperar a memoria dos seus e cunha meticulosidade e unha constancia a proba de atrancos, andivo á pescuda de canto documento aparecía nos arquivos. E conseguiu refacer o camiño de volta ata o século XV.

Vencellado a movementos ou colectivos sociais e culturais, acostumaba a participar en iniciativas como as promovidas pola Fundación Vicente Risco, o colectivo o Sorriso de Daniel e outras entidades e asociacións. Era un dos históricos do Liceo de Ourense e ata que a enfermidade llo impediu acudía diariamente á tertulia da sociedade de Lamas Carvajal -xunto a Martínez Pedrayo, Manuel Sueiro e outros compañeiros-.

Enterro en San Francisco

O cadaleito de Pastor Fábrega, cuberto pola bandeira tricolor, foi velado dende a mañá do xoves no tanatorio de Seixalbo. Logo da incineración, acto reservado ao ámbito familiar, está previsto celebrar o enterro no cemiterio de San Francisco. O acto é o sábado, a partir das once da mañá.