Francisco García, presidente da DO Valdeorras: «Imos ir visitar adega por adega, queremos transparencia e diálogo»

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO

OURENSE

Paco García foi elixido novo presidente o luns á noite.
Paco García foi elixido novo presidente o luns á noite. lolita vázquez

O novo responsable do consello terá na feria ProWein de Alemaña a súa primeira saída internacional

24 feb 2016 . Actualizado a las 10:07 h.

Francisco García vivía onte o seu primeiro día como novo presidente da denominación de orixe Valdeorras. A súa primeira xestión foi cambiar os nomes dos billetes de avión e das reservas feitas para ProWein, a feira de viño que se celebra en Alemaña o próximo mes.

-Entendo que irá. ¿Será a súa primeira feira como presidente?

-Claro, lóxico. Terei que ir a todas, a esta, á London, a Barcelona e a onde corresponda. Ten que ir a xente que está á fronte, e persoal de confianza, e a vender, que diso se trata.

-Critican os adegueiros que houbo esta mañá [por onte] unha reunión co conselleiro de Industria para ir a ProWein e que a D.O. Valdeorras non estaba representada...

-Ninguén me comunicou nada, e non sei nada de nada. Doume por enterado agora, non tiña nin a máis mínima idea.

-¿Falará coa Xunta para ir entón a Alemaña?

-Non hai ningún problema, estamos xestionando os billetes, porque vamos ir.

-Falou de ir con xente de confianza ás feiras. O habitual era que fora o director técnico...

-Bueno... Aí non vamos catar viños, vamos a degustalos e facer turismo, non fai falta que vaia unha persoa especializada. Vale calquera. Vaise beber, non fai falta que vaia o director técnico, non teñen que ir sempre as mesmas persoas, hai que delegar noutras persoas.

-¿Contactou xa coas adegas?

-Iso andarase, deixa pouquiño a pouco.

-Pero non o descarta, ¿non?

-Non, non, imos falar con todas as adegas. Imos ir visitar adega por adega, a presentarnos, o lóxico, para ver as demandas que teñen. Xa dixen que queremos transparencia e diálogo, é o lema. Dar confianza e conquistar mercados, porque o viño téñeno que vender as adegas. Nós vamos de lanzadeira, despois eles saberán o que teñen que facer. O mercado está difícil.