«As marcas son resultado de tempo, cartos e visión»

OURENSE

Bembibre, á dereita, co seu socio en Costa, David Silvosa, recollendo un premio
Bembibre, á dereita, co seu socio en Costa, David Silvosa, recollendo un premio .< / span>

Da imaxe de marca, da xestión de negocio e das claves do oficio falará hoxe na Escola Faílde Dani Bembibre

23 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Bembibre compartirá conferencia co seu socio no estudio coruñés Costa, David Silvosa.

-Enfróntanse a un auditorio de futuros deseñadores. ¿Cal é a súa bagaxe?

-Eu levo 15 anos de profesión; estiven traballando fóra, en Barcelona, Finlandia... e, cando volvín vivir á Coruña, montei o meu primeiro estudio, pero xa colaboraba con David en proxectos, cada un dende o seu estudio. Hai dous anos decidimos asociarnos definitivamente e creamos Costa.

-¿No 2015 cinco dos seus proxectos foron premiados. ¿Cal é o camiño para o recoñecemento?

-Os premios, moitas veces, son o último que sucede e son anecdóticos. Ter un negocio que che permite vivir do que fas e facelo ben xa é un éxito. Nós non somos moito de concursos, pero está ben porque o recoñecemento é para nós e para o cliente tamén, que asume un risco e aposta por unha maneira de facer confiando no profesional.

-¿Teñen clara as empresas a importancia do deseño?

-Non, non sempre. Da importancia da imaxe como tal hai certa percepción que foi aumentando cos anos de que é necesario coidar ese aspecto, pero inda non se entende que isto é comunicación, comunicación visual. Parece que ese tipo de comunicación se esquece ou non se sabe ben que papel xoga. Tampouco se asumiu que o deseño non serve para decorar algo xa feito ou amañar o que non se fixo ben antes; a mellor cualidade do deseño é a visión estratéxica, ser capaces de prever e facer as cousas ben dende o principio.

-¿Hai bos exemplos en Galicia?

-As marcas son resultado de tempo, cartos e visión. Se hai a visión e se van conseguindo tempo e cartos, os resultados son bos. En Galicia hai exemplos bos: Estrella Galicia está facendo un bo traballo e Abanca, que é de nova creacion, fixo un esforzo por facer un cambio.

-¿Cada proxecto é distinto?

-Non é o mesmo facer un proxecto de marca a medida para algo pequeno que mover unha marca moi grande, pero moitas veces os procesos non son moi diferentes. Pensar sobre a idea básica é fundamental, xa sexa o proxecto enorme ou micro; hai que ter unha visión en perspectiva de que os proxectos teñen un tempo e que poden mudar, hai que ter capacidade de adaptación e hai que pensar neste oficio/negocio como unha maratón.

-A charla titúlase Aprender, traballar, aprender.

-Porque esta non é unha carreira de velocidade nin unha carreira de egos, é unha carreira de fondo; vas facendo proxectos, aprendendo cos propios proxectos, aprender, traballar... é un continuum e os que comezan deben ser conscientes diso e tamén de que este é un oficio e un negocio, as dúas cousas. Parte do oficio é saber desenvolver o negocio e parte do negocio é ser bo no oficio.