«O bo de 'Urxencia Cero' é que dende o minuto un métete na vida real»

OURENSE

hadri_RL

O actor ourensán interpreta á personaxe de Brais na serie de Voz Audiovisual que se emite os domingos

07 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O equipo de transplantes do Hospital Balmís entrará de novo este domingo na casa de miles de galegos. Será a través de Urxencia Cero, serie de Voz Audiovisual para a TVG, que narra a vida dun equipo médico que devolve a vida ós receptores de doazóns de órganos. Trátase de profesionais inspirados nos médicos da Unidade de Transplantes do Chuac. Un ourensán forma parte desta familia, aínda que non como médico, senón como a parella dunha doente. Rubén Riós dá vida a Brais.

-Fálenos da súa personaxe.

-O que me sorprendeu desta personaxe é que vai collendo madurez. Aínda que nun primeiro momento é detestable. A súa personalidade non é de alguén que o pasou ben. Ten á súa moza no hospital a punto de entrar para que lle doen un ril e actúa dunha maneira que leva ó espectador a pensar ¿que lle pasa a este personaxe?

-¿Por que?

-Cando pensa nos cartos do pai. Cando lle di o médico claramente que está con esa persoa porque seu pai é empresario e lle da traballo. Realmente pode haber moita xente que pense así, pero esta personaxe fala diso e cóntao. Ademais de forma expresa á persoa que llo pode dicir á súa parella, porque están flirteando. É unha personaxe que tes que construír dende a verdade e dende a experiencia próxima. Visualizalo en alguén do teu entorno que crees que lle pasa o mesmo e que actuaría da mesma maneira.

-Entón, ¿coñece a alguén con ese perfil?

-Si, si. Eu son unha persoa moi observadora, e aínda que ninguén mo dixo, si que podo intuílo. Non se trata dun amigo, porque unha persoa que di iso non podería selo, non aportaría nada á miña vida.

-¿Haberá unha evolución da personaxe?

-Si, porque chegará ó límite. Iso preocupábame na interpretación, porque para un actor facer a unha persoa que chega ó límite é complicado, porque hai que evitar que non sexa crible.

-¿Como cualificaría «Urxencia cero»?

-É unha serie moi comprometida. E, dende a miña humilde opinión, arriscada. E iso fala moito de quen a levou a cabo, de todo equipo de Voz Audiovisual. Hoxe en día todos somos conscientes de que dun día para outro danche unha noticia e quedas tremendo. Eu mesmo teño un amigo que hai tres semanas recibiu unha desas novas... É brutal. O bo de Urxencia Cero é que dende o minuto un métete na vida real. Entre a realidade e a ficción hai unha distancia mínima. Iso vai ser unha das cousas que axude á serie. Tanto no guión como na realización ou na trama non hai nada de mentira. A ficción en galego viven un moi bo momento. E Urxencia cero é un exemplo. Dende o primeiro momento métete e cres todo o que ves.

-Leva xa 12 anos na televisión. Sempre traballando. Presente en case todas as series en galego.

-Matalobos, Libro de Familia, Pratos Combinados, Piratas... Moita xente pregúntame por que os proxectos nos que estou funcionan a nivel audiencia. Á parte de traballar e de esforzarse, hai que ter un factor sorte. Estou contento porque sempre me acompañou. Creo que as persoas que traballan detrás da cámara non terminan o seu traballo cando chegan á casa. O espectador galego busca unha proximidade da xente que ve na tele.

-¿Como está sendo a acollida da serie?

-Nestes días, despois da serie, ves como reacciona a xente na rúa e como te fala. E paréceme espectacular. O outro día unha persoa dábame as grazas porque tiña un ril transplantado. E dicía ?¿sabes o que significa esta serie?? Ás veces non sabemos a labor que está facendo Urxencia cero a nivel da concienciación da xente, da importancia que ten doar un órgano.

rubén Riós actor

O terceiro capítulo da serie emítese esta noite ás 22.30 horas, na Televisión de Galicia