«Para a organización dos centros isto complica moito todo»

OURENSE

20 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O instituto barquense Martaguisela imparte clases de Xadrez en ESO, de Antropoloxía en 1º de Bacharelato e, como oferta propia de centro, Expresión oral en inglés para dous grupos de 1º ESO e Técnicas de laboratorio en 1º de Bacharelato. Carmen Gamarra é a súa directora.

-Ofrecemos tamén Comentario de textos para 1º de Bacharelato, pero non a escolleu ninguén porque os alumnos que van por Letras, que serían os candidatos ideais, non teñen materias de 3 horas para poder completar ata 6; as de Letras son de 2 ou 4 horas. En 1º da ESO tamén ofertamos Hábitos saudables, pero non a escolleu ninguén.

-¿Que guía aos alumnos para facer unha ou outra elección?

-É difícil sabelo. ¡Danlle tantas opcións con tanta materia optativa! Os alumnos van ao fácil, ás veces ata se inclinan por unha ou outra para coincidir con amigos... É certo que eles preguntan de que vai a asignatura e escollen o que máis lles gusta. Por exemplo, Antropoloxía xa a tivemos como optativa en 1º Bacharelato e gústalles.

-Moitos centros, coma o Martaguisela, imparten materias de linguas, pero con denominacións variadas. ¿Cambian tamén os contidos?

-Realmente, é complicado. Resulta máis operativo que estas materias de libre configuración teñan títulos diferentes ás outras para que non haxa discriminación nas notas. Por exemplo, se Xadrez o puntúas aparte, ¿que fas con Inglés? ¿Subirlle a nota en Inglés aos que fan a de libre elección? Por iso preferimos chamarlle ás novas Obradoiro ou Expresión oral, por exemplo, e non, simplemente, Inglés.

-¿Como afectan estas novidades á organización do centro?

-Para nós é un caos porque tes que compaxinar moito, facer itinerarios... Se cada alumno combina como lle parece, é imposible organizarse. Inicialmente deixamos aberta a oferta e despois marcamos itinerarios.

-¿Como responden os alumnos a estas propostas?

-A verdade é que os alumnos, ao ser materias de poucas horas, tómanas como marías. En tan pouco tempo non se dá traballado.