A Coruña esqueceu a Otero Pedrayo

OURENSE

CAPOTILLO

A Deputación fixo pública no 2014 a convocatoria do premio en memoria do galeguista pero non chegou a fallala

18 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo do 2015 debería terse entregado o Premio Otero Pedrayo. Un galardón que viviu a súa primeira edición en 1977 e que ten como obxectivo recoñecer a aquelas persoas ou institucións que se teñen significado na defensa e a prol da cultura galega. Non é que se deixase para facer efectiva a entrega do premio nos últimos días do ano, nin que se aprazase para non mesturalo coas campañas electorais que se viviron nesta anualidade. Non, a explicación é bastante máis sinxela: a administración á que lle tocaba organizar a última edición da convocatoria, a Deputación de A Coruña, simplemente non chegou a resolver o proceso e deixou pasar os prazos.

O organismo provincial coruñés, daquela baixo a presidencia do popular Diego Calvo, publicaba no BOP do 27 de febreiro as «Bases da Convocatoria do Premio Otero Pedrayo 2014». As mesmas establecían un prazo de tres meses para presentar candidaturas e logo a deputación organizadora -a responsabilidade rota polas catro galegas- debe dar conta das iniciativas presentadas, xuntar ao xurado para fallar o premio e fixar a data de entrega, acto que xeralmente acostuma a se desenvolver no siguiente exercicio.

A Deputación da Coruña convocou o Otero Pedrayo 2014, máis nunca chegou a facer efectivo o proceso para fallar a convocatoria nin para materializar a entrega do galardón.

Convocatoria de Lugo

Dende o gabinete de comunicación do organismo provincial coruñés, logo dun primeiro momento de incerteza en relación á consulta, informaron que as xestións correspondentes ao premio eran responsabilidade do anterior equipo de goberno -houbo relevo político logo das últimas municipais- e que o PP deixou pasar todos os prazos sen tramitar as datas correspondentes, o que xa fai imposíbel que se poda recuperar a convocatoria do 2014 e mesmo dispor da partida orzamentaria correspondente.

Ao parecer, segundo a información transmitida dende o referido organismo, a Deputación de Lugo procederá a convocar nos próximos días a nova edición dos premios en memoria de Ramón Otero Pedrayo.