O Foro Peinador salienta as vantaxes de facer negocio en galego

mar gil OURENSE

OURENSE

Empresarios e políticos sumáronse ao Foro Peinador no salón de plenos de Ourense.
Empresarios e políticos sumáronse ao Foro Peinador no salón de plenos de Ourense. miguel villar< / span>

Defende a rendibilidade da lingua no Día da galeguidade empresarial

29 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Facer negocios en galego é rendible. E non só cultural ou socialmente, tamén economicamente. A mensaxe lanzouna onte, alta e clara, o presidente do Foro Peinador, Xosé González, na conmemoración, no salón de plenos do Concello de Ourense, do Día da galeguidade empresarial.

Ante responsables de firmas da provincia de Ourense e de toda Galicia, González propugnou as vantaxes económicas de galeguizar as empresas. Referiu o éxito de proxectos empresariais que dende os inicios do século XX apostaron polo galego: a conserveira Massó, Zeltia, Pescanova, Sargadelos, Castromil e, en distinta medida, Construcións Malvar, Vego, Gadis... e moitas outras, algunhas presentes na xornada de onte.

Etiquetar en galego, redactar convenios colectivos nesa lingua e, ademais, recoñecendo os dereitos lingüísticos dos traballadores, publicitarse e relacionarse cos clientes pode facerse en pouco tempo e sen conflitos, como demostra a experiencia dalgunhas empresas citadas, expuxo o presidente do Foro Peinador ante un auditorio de empresarios e políticos municipais e autonómicos. Hai que desbotar os prexuízos, engadiu.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apoiou a mensaxe de González: «Para nós é importante transmitir a mensaxe de que a lingua, a nosa cultura, é parte tamén da empresa; non son compartimentos estancos e nunha sociedade minimamente madura todo está relacionado».

García fixo fincapé na maior e mellor proxección dos produtos que o consumidor relaciona e identifica co seu lugar de procedencia. Por exemplo, expuxo, «o viño e os produtos agroalimentares transmiten máis confianza en galego». Todos os estudos din, engadiu, que o uso da lingua galega estabelece unha maior confianza do consumidor cara ese produto.

O avance das adegas

O presidente do Foro Peinador destacou, neste ámbito, que máis de 250 marcas de viño e produtos alimentarios están etiquetando en galego, fronte ás tan só trece adegas que o facían no ano 2003.

O director xeral, Valentín García, informou aos presentes da elaboración dun plan de normalización lingüística no ámbito socioeconómico e animounos a facer achegas e presentar suxestións no portal lingua.gal. «Todo pode funcionar en galego e o galego danos unha marca de confianza», sentenciou Valentín García.

O Día da galeguidade, que este ano escolleu Ourense para celebrar o seu acto protocolario, dedícase nesta ocasión ao empresario Enrique Peinador Limes, que se fixo cargo en 1917 do balneario e as augas de Mondariz.

Jesús Vázquez: «Galicia necesita empresarios que dean un paso adiante»

O alcalde de Ourense reforzou a mensaxe do presidente do Foro Peinador e do director xeral afirmando que «Galicia necesita empresarios que dean un paso adiante; é necesaria unha marca diferencial propia, a marca país, que é un paso importante que pasa por incorporar a todos os axentes sociais e económicos. A cultura é a locomotora dese tren de valores intanxibles».

Reclamou «empresarios que venzan medos moitas veces inxustificados». Como alcalde, dixo, «considero que é necesario mudar a cultural empresarial. Facer negocios en lingua galega é posible e, ademais, o digo taxativamente, é favorable e rendible para todos. Trátase de asumir o noso dereito de ser e de estar».

A responsabilidade social

Xosé González referiuse ao papel dos concellos afirmando que «teñen moito que facer en relación coas empresas» e a estas lembroulles que teñen «unha responsabilidade social corporativa que é facer súa a cultura na que están instaladas, buscar rendemento económico contemplando a realidade na que están inseridas. Desgraciadamente, a responsabilidade social corporativa é unha materia pendente no país».

O presidente do Foro Peinador congratulouse da incardinación deste colectivo no Plan de normalización lingüística e do apoio das tres universidades galegas.