«Moita xente felicítanos pola valentía»

Fina Ulloa
fina ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Emilio e David encargaron as bicicletas coas que traballan a unha empresa especializada<span lang= es-es >.  </span>
Emilio e David encargaron as bicicletas coas que traballan a unha empresa especializada. miguel villar< / span>

Dous mozos de 23 anos crearon unha empresa de mensaxería en bicicleta

12 ene 2015 . Actualizado a las 08:14 h.

Emilio e David son amigos dende a infancia. As súas familias son orixinarias de dúas localidades de Entrimo e iso permitiulles compartir xogos e andanzas dende niños. Agora ambos viven en Ourense e decidiron embarcarse xuntos nunha aventura empresarial: Lebre Mensaxeira. É unha empresa de mensaxería -«ecolóxica e económica», segundo destacan na súa páxina web-, que se converteu na primeira da capital ourensana que utiliza a bicicleta como único medio de transporte. «Foi despois de ver una noticia na televisión sobre un rapaz de Lugo que se dedicaba ao mesmo. Pensei que era unha boa idea que podía funcionar aquí», sinala David Pereira. Non perdeu tempo en comentarllo a Emilio, con que quedaba todas as tardes. Aquilo ocorreu en abril, e en outubro xa estaban funcionando.

Para o proceso burocrático axudoulles Pablo, irmán de Emilio «porque nós non tiñamos ni idea de por onde empezar», recoñecen. Tamén dedicaron eses meses previos a informarse de proxectos similares no resto de España. Incluso acudiron a facer un curso con unha empresa de Valladolid e contactaron con outras galegas para que os asesorasen. «Aínda seguimos en contactos con unha da Coruña, á que lle consultamos cando temos dúbidas e axúdanos moito», explica Emilio. De toda esa investigación previa saíu tamén a encarga, a unha empresa especializada das bicicletas que utilizan.

«Contactamos cunha tenda de Madrid que as fai a medida. Pedímoslle que nos fixera unhas bicicletas para unha cidade que ten costas; porque isto non é chairo. Adaptóunola, púxonos un motor eléctrico nas dúas e o caixón para a de paquetes», resume David.

A inversión -custaron preto de cinco mil euros-, obrigounos a botar man dos aforros que tiñan de traballos esporádicos anteriores. Emilio traballou varios veráns en Suíza -onde residen seus pais- e David foi repartidor de pizzas durante dous anos. «Non nos chegaba e tamén nos axudaron algo os pais», aclara Emilio.

As familias sorprendéronse do empeño dos rapaces en crear a súa propia empresa, e mesmo tiveron que escoitar unhas cantas advertencias sobre os riscos os que se ían enfrontar, máxime en tempos de crise. Pero estes dous mozos din que non toparon unha oposición frontal. «Si que nos dixeron que esperásemos un pouco, pero saben que somos rapaces serios e traballadores e non tiveron problema en darnos ese voto de confianza necesario. Teñen toda a confianza en nós», conclúe David, mentres Emilio entende os reparos «porque non é un negocio típico; non é montar un bar».

O certo é que dende que se puxeron en marcha reciben máis ánimos que outra cousa. «Dinnos moito que dá gusto ver dous rapaces emprendedores. Moita xente felicítanos pola valentía», contan estes rapaces que non deixaron nada sen pensar e incluso compuxeron a súa propia uniformidade, comprando as prendas en tendas deportivas e personalizándoas co seu logo. Un deseño -baseado na cara dunha lebre- «que fixo para nós a nosa amiga Carla, á que tamén lle estamos moi agradecidos».

Tamén o están coas empresas e particulares que están confiando xa neles, tanto para envíos de paquetes, sobres e todo tipo de obxectos, como para anunciarse nos paneis da bicicleta. De momento o máis raro que levaron no caixón foi unha bombona de butano «pero con tal de que non pase da carga que soporta a bicicleta, que son 200 quilos, pódese levar practicamente calquera cousa», matiza David. Moito do seu traballo actual baséase en darse a coñecer. Eles son os seus propios comerciais. Visitan empresas, institucións e organismos. «Tamén estamos no círculo de Xóvenes Empresarios», engade Emilio, que pensa que a promoción é básica para obter unha posición nun mercado moi complexo «e no que nós so podemos competir co prezo e coa aposta polo transporte ecolóxico de cero emisións contaminantes».