Francisco Carballo une aos nacionalistas

Miguel Ascón Belver
MIGUEL ASCÓN OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Maceda homenaxeou esta tarde a un dos seus veciños máis ilustres, referente do nacionalismo, falecido recentemente

27 dic 2014 . Actualizado a las 20:50 h.

Hai figuras que xeran consensos no nacionalismo galego máis alá da actual multiplicidade de siglas que existe nese ámbito político. Un deses personaxes é, sen dúbida, Francisco Carballo, ao que o Concello de Maceda rendeu homenaxe esta tarde. Non en van, tratábase, ata a súa morte o pasado mes de novembro, dun dos seus veciños máis ilustres. Nado en Celeirón de Asadur, este sacerdote foi tamén un dos máis importantes referentes do nacionalismo galego. Esa condición quedou clara hoxe vendo xuntos de novo aos dirixentes do BNG co alcalde de Maceda, Xabier Oviedo, que deixou a fronte para entrar en Compromiso por Galicia. O actual voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, o seu líder parlamentario, Francisco Jorquera, ou o histórico da UPG Francisco Rodríguez foron algúns dos asistentes ao acto de hoxe. O primeiro dos citados dixo que Carballo destacou polos seus esforzos «para que Galicia tivera conciencia de si mesma».

Ademais do da política, estivo presente o mundo da cultura, entre eles Cesáreo Sánchez, presidente de Asociación de Escritores en Lingua Galega, que lle outorgara a Carballo o premio Bos e Xenerosos no ano 2012 para recoñecerlle o seu traballo nese ámbito. Ese era precisamente o lema do atril desde que o que falou tamén Milagros Calvo, sobriña súa, en nome da familia.