«O PSOE tería que cambiar moito para que pactásemos un goberno»

Rubén Nóvoa Pérez
rubén nóvoa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

«Poden existir outras forzas de esquerda, pero nacionalistas so somos nós»

21 dic 2014 . Actualizado a las 05:10 h.

Ilusionada pero consciente de que a oportunidade de ser cabeza de lista do BNG en Ourense chegoulle nun momento difícil para a política e tamén para a súa formación na cidade. Susana García (Ourense, 1970) aspira a repetir ou mellorar os tres concelleiros que teñen. Sen cerrar portas, di que un pacto co PSOE pasaría por un cambio radical dos socialistas.

-¿Encabezar unha lista política neste momento ten algo de «marrón»?

-Un marrón é en termos de difícil. Eu represento a miña organización coa que me sinto identificada e nese sentido non é un marrón. Si o é pola situación da cidade, e en especial do Concello.

-Tampouco parece o mellor momento para ser a candidata do Bloque en Ourense.

-O BNG en Ourense despois das excisións que sufrimos quedamos especialmente mermados en canto a membros, pero as persoas que seguimos agora si somos un grupo moi unido e coas cousas moi claras.

-No 2007 tiveron seis concelleiros e responsabilidade de goberno. En 2011, tres cunha etapa no bipartito e despois na oposición. ¿Que espera en maio?

-Quedan por definir moitas cousas. O panorama político será máis diverso que nas últimas municipais. Para o BNG non o vexo negativo. Nesta etapa na oposición marcamos distancias con outras forzas e creo que o BNG non ten por que sacar mal resultado. Aspiramos a repetir resultado ou incluso a melloralo.

-¿Temen pagar os pratos rotos e converterse en minoritarios pola irrupción de novas forzas?

-Non. O BNG ten unha liña moi definida. Somos nacionalistas de esquerdas. Poden existir outras de esquerdas pero nacionalistas so somos nós.

-¿Non lle concede ese papel tamén a Anova e Compromiso?

-Non. Anova está difuminada nese movemento cidadán. Despois dos pactos electorais que fixo o nacionalismo quedou diluído. Compromiso nin sequera fala de autodeterminación e soberanía, que é o eixe do noso discurso. Os votantes que se inclinen por esa banda so teñen ao BNG como opción.

-Falando de futuro e no escenario de fragmentación de voto que se vaticina, ¿entrarían co PSOE nun hipotético goberno?

-Pois o PSOE tería que cambiar moito. En todo caso, non podo comentar nada ao respecto porque son futuribles. Nós non nos negamos a nada pero hai que valoralo a partir de maio.

-Ese matrimonio co PSOE acabou mal e cada vez están máis distanciados, ¿por que non apoiaron unha moción de censura?

-Unha moción de censura sería asinala co PP. Cando nos apoiamos un investimento dun alcalde do PSOE foi por apoiar a opción menos mala. Apoiar en aquel momento a outra forza ou asinar unha moción de censura co PP é unha opción aínda peor do que hai agora. Para nós e a antítese. Naquel momento saímos dun grupo de goberno no que compartimos cousas. Desde entón se foron afastando de proxectos que se compartían e incluso foron boicoteando proxectos do BNG.

-Vostedes como oposición criticaron cousas que fixeran os seus compañeiros do Bloque no goberno, ¿foi incómodo?

-Temos claro que cando se goberna se cometen erros, pero sabemos que houbo moitos acertos. No primeiro mandato do bipartito houbo cousas moi positivas para esta cidade e creo que si a xente reflexiona darase de conta de que o BNG fixo moitas delas. Hai momentos incómodos con decisións que hoxe non volveríamos a tomar, pero hai que ter en conta que ao gobernar en coalición hai que ceder. E o BNG creo que foi un socio bastante fiel, e lle pasou factura porque o PSOE non foi tan fiel.

-Fala de cousas positivas do bipartito, pero a resaca xudicial afecta de cheo ao BNG con imputacións como a última de Xosé Somoza ou as de Fernando Varela e García Mata nos casos Pokémon e Bedoya.

-No paso polo goberno acabas meténdote nunha dinámica xudicial. Pouco a pouco estase vendo que non había nada en realidade. No caso do meu compañeiro Xosé Somoza é un exemplo de imputación porque pasabas por alí. Ocupou un posto dous meses, cunha situación creada que intentou solucionar. Temos unha liña ética aínda que as veces nos custe, porque neste caso en concreto non tiña sentido dimitir.

susana garcía rodríguez concelleira e candidata do bng en ourense