A cidade en 2.666 pinceladas

x. m. pacho OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

La Voz ofrece mañá aos seus lectores a lámina da praza Maior de Ourense

17 nov 2014 . Actualizado a las 05:05 h.

Hai prazas e prazas. Prazas inmensas e prazas ananas. Prazas abertas e prazas pechadas. E tamén hai outras prazas. As que nacen na nosa memoria. As que inexplicablemente recordamos non sabemos moi ben por que, pero que quedan para non marchar. Ás veces son evocacións, pinceladas que nos lembran un tempo que xa non foi, que endexamais será. Escenarios desaparecidos e polo tanto perdidos, soñados, imaxinados.

A aira da miña aldea feita de terra foi para min a miña primeira praza. Alí quedaron sen sabelo os meus avós e a miña infancia gardada. Pero houbo moitas outras. A Piazza Navona en Roma, ou unha minúscula Piazzetta en Tropea, lugares que rescatan da miña memoria un tempo onde, como dicía o poeta, pensabamos que facerse vello e morrer eran só as dimensións dun gran teatro. E habería tantas?

Fellini na Dolce vita agasallounos cunha mítica, aquela na que Marcello Mastroianni ollaba abraiado como Anita Ekberg vivía a súa felicidade na cidade eterna, na fonta e na praza de Trevi.

Tamén Pessoa e Saramago nos deixaron outra praza, unha dende a que se pode ver Lisboa, e pola que transitou Ricardo Reis, xustamente onde está a estatua de Adamastor, o xigante dos Lusíadas de Camões.

Aínda que non sempre as evocacións son tan felices. A praza de Tian?anmen ou a praza de Maio recollen o horror dunha humanidade demasiado cínica, demasiado falsa. De seguro que Eduardo Blanco Amor e con el, sen sabelo, noutro tempo, Roberto Bolaño, pasearon centos de veces pola praza de Maio de Bos Aires, ou pola praza do Zócalo no Distrito Federal, para chorar e para esquecer a poesía. Porque as prazas e a arte son dúas caras da mesma moeda. E así nace a imaxe da Praza Maior de Ourense, nos ollos de Isabell Seidel, nos ollos do pintor.

En Ourense hai moitas prazas, pero se cadra a que mellor define a nosa esencia, a nosa historia é a Praza Maior. Se o personaxe dos Contos de New York de O?Henry quixese definir o noso carácter, só tería que achegarse a esta praza e observar.

Como dicía Vicente Risco, é o cerebro e o corazón da cidade? Dunha cidade que semella que está sempre tentando sobrevivirse a si mesma. Aínda que poucas veces o consiga. E Blanco Amor, o personaxe, o home, o escritor, deixounos con palabras esa verdade incómoda que no día a día experimentamos acedamente.

Por iso non nos pode estrañar que a Praza Maior sexa inclinada. Por iso non nos pode estrañar que a súa forma pareza máis froito do azar que dunha racional concepción dos espazos.

O noso sino

Antonio Palacios, o arquitecto, si que concebira unha Praza Maior como deus manda, que ía dende a igrexa de Santa Eufemia ata a Casa do Concello, pero a pesar de que se chegaron a expropiar inmobles, finalmente ficou como está. Era o noso sino.

E nesa perspectiva inclinada, e nesa visión, transcorre o tempo en Ourense. Transcorre o tempo na imaxe que recolle a artista e nos corpos deses homes e mulleres que pasan polo cadro, como pasan pola vida tantas veces. En silencio.

Eu, dende aquí, dende as follas do xornal non consigo distinguir os figurantes. Pero poida que os trazos de Isabell Seidel agochen sen sabelo os personaxes de A esmorga, e o propio Blanco Amor. Poida tamén que paseen por esta imaxe as pantasmas de Risco, de Xan da Coba, de Otero Pedrayo.

O único certo que nos quedará é que cando remate o texto, na nosa mente ficará para sempre a imaxe da nosa Praza Maior.

ourense feito arte

Xosé Manuel Pacho é avogado, escritor e colaborador de La Voz