«A corrupción remataba sacando a poxa toda a obra pública»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Secretario municipal durante 42 anos, empregou o galego reintegrado

19 nov 2014 . Actualizado a las 11:29 h.

Seguramente Henrique Carvalho Rodrigues ten sido un dos secretarios máis singulares que exerceron na provincia nas últimas décadas. Home de profundas conviccións nacionalistas, e lusistas, botou dende 1967 ao 2009 desenvolvendo a súa profesión. Comezou en Maceda e rematou en Xinzo, pasando por Toén, Vilamarín e Cea. Nalgún tempo compatibilizou responsabilidades, atendendo Beariz, Avión ou Castrelo de Miño. Nos seus máis de corenta anos de carreira viviu experiencias de todo tipo, e algunhas forman parte dunha historia xa superada: «Do meu primeiro destino, provisional en Maceda, lembro aquelas eleccións franquistas. Chegaban as normativas do gobernador civil de turno dicindo que votase o noventa e tantos por cento do censo e así sucedía, porque os alcaldes tiñan que responder. E aínda que non participase a xente había que remitir un listado coas cifras de porcentaxe de voto».

Lusista en Londres

Na súa estadía en Vilamarín, entre 1970 e 1987, comezou a elaborar os escritos en reintegrado... e así seguiu ata que se xubilou. Para Henrique Carvalho o galego promovido dende a Xunta «é un castrapo colonizador cheo de españolismos» e el optou por normativizar a opción lusista na administración: «Con sentido común. Poñía ?caderno de encargos? nos concursos de obras en lugar de ?prego de condicións? poque iso é unha trapallada copiada do español. E cousas polo estilo». Recoñece que nalgunha ocasión o chamaron da Xunta para dicirlle que tiña que facer os anuncios no galego normativizado «pero non pasaba de aí a cousa». Cita Londres, e 1963, para reafirmarse no seu compromiso lusista, cando tiña «un profesor de instituto que nos advertiu: podedes chamarme Mr. Hopkings, galés ou británico, mais nunca me chamedes inglés porque o consideraree un insulto porque eu son galés. E tiña un compañeiro da India, Ayres de Bragança, co que me entendía perfectamente en galego porque era de Goa. Aí foi onde me decatei de que o galego ten que confluir co portugués para ser un idioma con presencia en todo o mundo».

Nunca fuxiu o exsecretario de amosar a súas opinións, por máis que a algúns non lle gustasen, e sempre se mantivo firme nun argumento: «A corrupción remataba sacando a poxa toda a obra pública. Hai que cambiar as normas de contratación das entidades públicas para evitar adxudicacións a dedo, que se producen no chamado procedemento negociado sen publicidade, no que se consulta a tres empresas pero sempre se pode facer a trampa». Poxa e voltar aos funcionarios, aos que foron «marxinando os políticos», as competencias para ser vixiantes da legalidade.