O poeta Iasuhiro Iotsumoto trae a súa visión de Xapón á Fundación Risco

Imaxe da exposición que se inaugurará mañá en Allariz.
Imaxe da exposición que se inaugurará mañá en Allariz.

O poeta Iasuhiro Iotsumoto saiu de Xapón cando contaba con 26 anos. Daquela as súas previsións pasaban por botar un tempo fóra do seu país. Ata que se decatou de que levaba máis da metade da súa vida lonxe e que, aos seus 54 anos, cando visita Xapón se sentía «tanto na casa como fóra dela. Ás veces síntome coma se eu estivese nun país estraño. Outras veces é ao revés. Son un extranxeiro que mira e escoita as conversas das que gusta un xaponés».

Esa dicotomía, a un tempo un xaponés que regresa ao seu país e tamén un estraño que pode ser un exiliado ou calquera «que pasara moito tempo preso», marca o seu proxecto fotográfico Xapón antes e despois do 3/11.

A pegada das catástrofes

Iasuhiro Iotsumoto, que desenvolve o seu traballo profesional en Alemaña, viviu as transformacións que o seu país experimentou nestes anos -morte do Emperador, sucesión do seu fillo, crise política con sete primeiros ministros en sete anos, o estourido da burbulla económica e a chamada «década perdida»- e logo xa foi «cando Xapón é alcanzado polo 3/11, o gran terremoto e tsunami do 11 de marzo de 2011, e o subseguinte desastre nuclear de Fukushima».

Todas estas reflexións son as que están detrás das imaxes da mostra que se abrirá ao público mañá, a partir das 20.30 horas, na sede da Fundación Risco de Allariz. Fotografías tomadas antes e despois das catástrofes que marcaron a historia recente de Xapón e que, segundo as verbas do escritor que figuran no catálogo «revelan a miña propia forma de ver o Xapón, e como cambiou a miña visión ao longo dos anos».

A Coruña, Allariz, Córdoba

O poeta Iasuhiro Iotsumoto volta a Allariz, onde estivo hai uns meses nos encontros poéticos da Fundación Risco logo de pasar polo ciclo que organiza a poeta Yolanda Castaño no Ágora de A Coruña. Nesta ocasión Iotsumoto tamén viaxará a Córdoba, onde participará no festival internacional Cosmopoética.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O poeta Iasuhiro Iotsumoto trae a súa visión de Xapón á Fundación Risco