Freire Couto: «Cando cheguei á alcaldía aquí non había nin campo de fútbol»
OURENSE
O rexedor puxo o cargo a disposición da concelleira que será candidata
28 sep 2014 . Actualizado a las 05:20 h.En maio do 2015 Freire Couto (Ourense, 1955) deixará de ser alcalde de Barbadás e rematará unha carreira política no seu concello que o mantivo 28 anos como rexedor municipal. En 1987 era o candidato do CDS e, dende 1991 -logo da desaparición da formación de Adolfo Suárez- encabezou as listas do PP. Consciente de que o balance destes anos é o seu nun peche de ciclo, acude cunha publicación que inclúe unha gráfica de poboación que non necesita explicación: o municipio pasou dos 4.211 veciños en 1988 aos 10.050 do 2012. É dicir, un incremento de 6.289 habitantes en 24 anos.
-¿Que xustifica a evolución que rexistrou o municipio?
-Cando nós chegamos ao goberno, en 1987, aquí non había nada. A candidatura eramos catro mozos, que nos xuntabamos nun piso, e que tiñamos moitas inquedanzas e ilusións para facer cousas polo noso pobo. O obxectivo era conseguir os servizos que demandaba a poboación, e o cremento poboacional foi grazas a Ourense.
-¿A que se refire?
-Na cidade había problemas co PXOM e practicamente non se podía construir. E houbo un grupo de empresarios que decidiron arriscar e apostaron por construir en Barbadás, porque lle ofrecía moitas posibilidades para desenvolver os seus proxectos. E aí comezou todo: mercaron casa aquí moitos matrimonios novos, estamos falando dunha época na que os pisos costaban un 50% menos que en Ourense, e con iso rexistrouse un incremento de poboación moi importante e un rexuvenecemento da poboación.
-¿E viñeron os servizos?
-Unha cousa foi levando á outra: cando rematamos o colexio de primaria xa se quedara pequeno e o mesmo pasou coa gardería. Foise incorporando moita xente nova e tivemos que dar resposta ás súas necesidades e crear servizos. Non había nin campo de fútbol e hoxe temos un dos mellores da provincia e ao equipo de fútbol de maior categoría.
-¿Cre que Barbadás se beneficiou daquela dunha situación coxuntural?
-Barbadás é un caso único na provincia. É certo que houbo unha situación concreta, a que antes lle comentei, pero se chegamos aquí foi con moito traballo e loitando sempre por conseguir cousas para o municipio. Hai moitos concellos limítrofes coa cidade e ningún conseguiu evolucionar coma nós.
-¿Como é a relación con José Manuel Baltar? ¿Obrigouno a dimitir no Inorde?
-Escusa buscar por aí. Tiven unha relación excelente co seu pai -e de lei é dicir que todo o que fixemos nestes anos llo debemos a el porque sempre me apoiou e as obras e servizos que se crearon non serían posibles sen o seu apoio- e co fillo. Podo presumir de ser un dos primeiros cos que falou para valorar a decisión de suceder ao seu pai e díxenlle que contase co meu apoio. E mentras o siga facendo ben vaino ter para o que faga falta.
-¿Daquela foise pola sanción de Facenda?
-Non. Funme, díxeno e repitoo, porque saía a praza de médico en Barbadás -a miña estaba en Vilamarín- e non podía deixar pasar a oportunidade de traballar ao lado da casa. E porque no Inrode estaba perdendo diñeiro, 1.300 euros ao mes para ser exactos.
-A oposición di que se vai porque está a un só voto da maioría e non quere perder as eleccións.
-Así estivemos tamén nos dous últimos mandatos e aquí sigo. E xa lles digo que non lles vai valer de nada facer plans porque van perder nas próximas eleccións.
-¿Vai dimitir para que acceda á alcaldía a nova candidata e se promocione de cara ao 2015?
-Xa llo ofrecín, aínda esta mesma semana, mais ela di que non quere. O meu cargo está á súa disposición, pero prefire adicarlle máis tempo nestes meses á xestión e a coñecer a fondo o día a día do cargo.
-¿Como asume a nova situación?
-E un cambio de ciclo e hai que tomar a decisión. Cóstache porque vén xente, que os ves co corazón entalado, a pedirche que sigas mais hai que deixar paso.
JOSÉ MANUEL FREIRE COUTo aLCALDE DE BARBADÁS