Sarabela Teatro estrea en España a montaxe «Pequenas certezas»

x. m. r. ourense / la voz < / span>

OURENSE

Antonio Cortés

A obra de Bárbara Colio poderase ver a partir de hoxe no auditorio

24 sep 2014 . Actualizado a las 04:40 h.

A compañía Sarabela Teatro estrea hoxe a súa nova montaxe, Pequenas certezas, e faino co valor engadido de ser un proxecto pioneiro no Estado, xa que segundo sinalou a directora Ánxeles Cuña: «Vai ser unha estrea en Galicia, e en España. A obra xa se ten representado en diferentes países, dende Inglaterra a Estados Unidos, pasando por moitos latinoamericanos, mais aínda non se puido ver aquí».

O texto orixinal de Bárbara Colio foi recoñecido co Premio Internacional María Teresa León 2004 para autoras dramáticas. Pequenas certezas é unha historia de ausencias protagonizada por cinco actores: «Mario desapareceu. Natalia emprende unha viaxe á cidade natal de Mario. Alí atópase cos seus irmáns, con noticias dunha fraude, a coa sorpresa de que ninguén coñecía de todo a Mario. O enfrontamento entre as familias estala». A obra orixinal de Bárbara Colio explora a presenza de alguén a través da súa ausencia e dos coñecementos e relacións que os máis achegados tiñan con esa persoa, incidindo deste xeito na verdade que nace dunha perda.

A montaxe que Sarabela Teatro estrea hoxe no Auditorio de Ourense, ás 20.30 horas, está protagonizada por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Sabela Gago e Fina Calleja.

Na presentación participaron Ánxeles Cuña, directora; Jacobo Sutil, presidente da Axencia Galega das Industrias Audiovisuais, e Ana Garrido, concelleira de Cultura de Ourense.

Axuda institucional e IVE

Cuña Bóveda lembrou na presentación que o proxecto de Sarabela accedeu, en concorrencia competitiva, ás axudas da Agadic e que foi apoiada a proposta con 45.000 euros. E conta co apoio do Concello de Ourense, que non figura como productor como noutras montaxes mais si colabora cedendo o espazo cultural para que o grupo poda estar durante mes e medio como compañía residente. A directora sinalou que Pequenas certezas é unha obra de pequeno formato porque non hai apoios como noutros tempos, e que si ben Sarabela conseguiu o apoio da Agadic, o que está matando ao sector é o IVE cultural: «A paisaxe teatral galega é unha paisaxe desoladora». Pola súa banda Jacobo Sutil lembrou a importante traxectoria e prestixio acadado por Sarabela ao longo da súa carreira e amosouse convencido de que a «nova achega sobre as táboas revalidará a súa posición no mellor e máis activo do noso teatro».

Ourense, Braga e Compostela

Pequenas certezas representarase os días 24, 25 e 26. Hoxe e mañá ás 20.30 horas e ás 23.00 horas o venres. A montaxe irá despois a Braga e Compostela.