O FETEGA celebra o 25 aniversario cos espectáculos de Lagarta Lagarta e Teatro do Morcego

X. M. R. / OURENSE

OURENSE

O festival de teatro do Carballiño incorpora este ano propostas escénicas para bebés

01 sep 2014 . Actualizado a las 19:27 h.

O Festival de Teatro Galego do Carballiño celebra este ano un cuarto de século de existencia e para a ocasión apostouse por unha programación que mestura a presenza de grupos e actores consagrados, caso de Eduardo Chao (Lagarta Lagarta) ou Celso Parada (Teatro do Morcego), xunto ás máis novidosas propostas escénicas. A programación do FETEGA 2014, que se celebra entre o 2 e o 5 de setembro no Carballiño, foi presentada hoxe na Deputación de Ourense nun acto no que participaron o vicepresidente provincial, Rosendo Fernández, a directora do certame, Josi Lage, o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, e os actores Eduardo Chao, Celso Parada e Iolanda Muíños (da compañía Obras Públicas). Na presentación incidiuse no feito de que o FETEGA é o único festival de Galicia adicado en exclusiva ao teatro galego e Rosendo Fernández salientou o grande esforzo realizado en todos estes anos para manter vivo o proxecto do certame carballiñés. Josi Lage recoñeceu que para a ocasión se apostou por reforzar a programación e a oferta, incluindo por vez primeira teatro para bebes e ofertando obradoiros e unha ampla actividade paralela ás representacións da noite. Lage desvelou que na gala de clausura do certame, a celebrar o día 5, o Premio Honorífico de Honra será entregado a Xan Pinal, creador do festival hai 25 anos.