25 anos do día que cambiou Allariz

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

Os organizadores da festa do luns, posando onte no balcón do consistorio
Os organizadores da festa do luns, posando onte no balcón do consistorio Antonio Cortés

Allariz conmemora o luns cunha merenda o inicio da revolta veciñal

08 ago 2014 . Actualizado a las 07:05 h.

O luns fai 25 anos que un grupo de veciños de Allariz empezaron o que se converteu despois nunha revolta social que cambiou para sempre o devir da vila. Aquel 11 de agosto de 1989 pouco máis de vinte veciños (dos 5.015 que eran), mozos que andaban polos trinta anos, pecháronse no consistorio para denunciar a falta de democracia no concello. Ese día remataba o prazo para que o alcalde convocara un pleno extraordinario pedido pola oposición para falar sobre a aparición dun cento de troitas mortas no río; e a falta de inacción de Leopoldo Pérez Camba (Partido Popular), levounos a tomar esa medida. O que empezou sendo unha protesta que non se sabía o que ía durar, rematou despois de tres meses de peche nos que se foron unindo máis e máis veciños; e coa dimisión de Pérez Camba. Era elixido Anxo Quintana, e desde aquela o BNG revalida eleccións tras eleccións a maioría absoluta.

Vintecinco anos despois, Quintana colle o teléfono en Arxelia, onde está por traballo. Apartado da política, di recordar aquilo «con cariño e satisfacción»; e non dubida en afirmar que «faría o mesmo, incluso se o resultado non tivera sido tan bo como foi; repetiría porque foi un exercicio de dignidade ante unha situación ditatorial e inasumible». Mais recoñece que non todo foi positivo. «As batallas sempre son épicas cando xa non doen as feridas; pero houbo que sufrir moito. Non houbo sangue porque foi unha revolta pacífica, pero si moita suor e moitas bágoas», di.

Paco Márquez, Paco Raiola, dá «grazas por ter vivido aquilo», a pesares de que os inicios non foron fáciles. «Íamos ás casas falar coa xente e nin nos abrían as portas... Despois a cousa cambiou, grazas tamén porque a outra parte (o PP) o fixo moi mal». Di que o acontecido foi «unha chamada de auxilio» que pagou a pena «porque senón seríamos coma Riós ou Montederramo, un pobo a punto de desaparecer». De poder volver atrás, non só repetiría o feito, senón que «o faría antes, perdemos moitos anos». Di que o das troitas «foi unha desculpa... A política daquela non era caciquil, era nazi».

Pola súa banda, Paco García, o actual alcalde, di que volvería participar na revolta igual, «con ánimo, loita e gañas»; porque considera probado que pagou a pena por ver o que ten acabado Allariz neste tempo. Fala de calidade de vida, de posibilidades de emprego, de recuperación demográfica (con 6.130 veciños actualmente, e un colexio en construción). Di que o luns será «unha exhibición do orgullo dun pobo que loitou por unha utopía, e conseguiuna».

Nesa festa estarán moitos que non recordan a revolta porque eran cativos, ou porque nin naceran. Ou porque naceron daquela. Neste grupo está Martín Quintana, que é un dos organizadores do lipdub que se gravará mañá na vila. Cre que servirá para «recuperar e manter ese espírito de unión que había fai 25 anos e que fai que os rapaces de agora esteamos orgullosos de ser de Allariz». Tanto é o que el di sentir, que tatuou o nome da vila no nocelo, «para non esquecer de onde vimos».