«Este oficio ten que eliminar dunha vez por todas o voluntarismo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Destaca que traballan nun proxecto europeo co Théâtre de la Ville e Almada

27 jul 2014 . Actualizado a las 07:15 h.

O director da Mostra viviu neste 2014 unha edición moi especial. A dos trinta anos de historia da MIT e, ao mesmo tempo, a súa quinta dende que accedeu á dirección do certame. Roberto Pascual (O Carballiño, 1981) confesaba nestes días que disfrutou o festival «con poucas horas de sono pero coa forza da paixón renovada».

-No seu discurso de inauguración amosouse moi crítico. ¿A Mostra ten que seguir a reivindicarse logo de tantos anos?

-Mentres non se acaden as cotas de dignidade, que creo deben ser equiparábeis a calquera outro país da contorna -e nese senso debemos ser 100% ambiciosos- haberá que seguir reivindicando. O cal non quere dicir que nos esteamos laiando; reivindicar quere dicir traballar e demostrar con feitos palpábeis que se pode conseguir máis.

-Tamén se refería á necesidade de contar con novas infraestruturas. ¿A posibilidade de suspender a inauguración polo tempo motivou esa demanda?

-Non, aínda que é certo que este festival necesita unhas instalacións permanentes e estábeis para dar resposta ás súas necesidades, pero iso non é prioritario neste momento. Iso é un problema, pero os máis importantes agora mesmo non son eses.

-¿Daquela cales son?

-O máis importante é, sen ningunha dúbida, a excesiva e inxusta presión -a peor de toda a UE- que supón a imposición fiscal. E todo o que iso significa para a produción, para a exhibición teatral e para o emprendemento de novos proxectos e iniciativas. Un festival ten que asumir riscos: apostar por cousas seguras e combinalo con riscos, e na actualidade é moi difícil arriscar e emprender nas artes escénicas porque son as medidas fiscais máis lesivas de toda Europa, que están pesando como unha lousa no dinamismo do sector.

-Retomando o apuntado antes, ¿cales serían as demandas para o festival?

-A Mostra precisa dun lugar estábel, que sexa un espazo alternativo para momentos como o vivido o día da inauguración -con inclemencias metereolóxicas que obriguen a trasladar o espectáculo- e logo tamén que haxa un centro de documentación e un centro de investigación. E creo que en Ribadavia, con todo o que se leva feito, compre instaurar unha escola municipal de teatro, porque as escolas son a base sobre a que crear despois a profesión teatral nos centros superiores de formación.

-¿Como valor o 30 aniversario?

-Agardaba un maior respaldo a nivel institucional. Compren novos xestos, xa o dicía no discurso, por parte das institucións. Botei de menos que este trinta aniversario non tivera un maior respaldo por parte do Estado e gustaríame que tivese vido o presidente da Xunta para trasladarlle as demandas que dixen alí. Deume mágoa non poder reclamar a dignidade para un oficio que ten que eliminar, dunha vez por todas, o voluntarismo, que ten que dar paso a unha maior profesionalidade do sector, que é o camiño da excelencia.

-¿E en canto á programación?

-Moi orgulloso polo que conseguimos a nivel de programación e polas alianzas internacionais. Iso é motivo de satisfacción e un empuxe para seguir traballando. E para o ano será maior.

-¿En que sentido?

-Imos presentar un proxecto na UE, nun programa específico que se chama Europa Creativa, no cal participaremos xunto ao Festival de Almada (Portugal) e o Théâtre de la Ville, de París, e outras institucións. É o que nos queda para seguir crecendo a pesares dos recortes. Esas alianzas internacionais son as que fixeron que este ano a MIT puidera traer a Declan Donnellan e ofrecelo nun programa no que tamén participan os grupos emerxentes.

-¿Que se cumpriu e que non nestes cinco anos?

-A proxección internacional é un feito. Non se conseguiu que sexa ben de interese cultural galego. Avanzamos no recoñecemento da Xunta, co premio da Cultura e co convenio asinado este ano, pero compre unha alianza de Ministerio, Xunta, Deputación e Concello para facer disto un patrimonio de toda Galicia, como a Cidade da Cultura ou o Centro Dramático Galego.