Luis García Mañá: «O Couto Mixto é o paradigma do abandono da Galicia interior»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Eixo Atlántico, Escola Gallaecia e Eguileta Franco serán os novos xuíces

03 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A igrexa de Santiago de Rubiás, ou Santiago dos Mixtos, acollerá este sábado unha nova xuntanza promovida pola Asociación de Amigos do Couto Mixto. Como xa é tradición, membros do colectivo, veciños dos pobos da zona, xuíces e amigos atoparanse no templo que garda a arca das tres chaves para anovar o compromiso coa memoria do territorio e nomear aos novos «Xuíces Honorarios do Couto Mixto».

O escritor e investigador Luís García Mañá é un dos responsables da asociación organizadora.

-¿A quen distinguirán na convocatoria deste ano?

-A xuntanza en Santiago de Rubiás está previsto que comece o sábado a iso das 12.30 horas e nesta ocasión nomearemos «Xuices de Honra» ao arqueólogo Xosé María Eguileta Franco, ao Eixo Atlántico e a Escola Superior Universitaria Gallaecia, de Vilanova da Cerveira. Eles pasarán a formar parte dos membros deste colectivo que garda a memoria de Rubiás, Santiago e Meaus.

-No 2013 actuou a formación 2naFronteira. ¿Con quen contan para o vindeiro día 5?

-Nesta ocasión estará a fadista María do Ceo, que en si mesma reúne moitas dos condicións e os símbolos do Couto Mixto: é unha cantante galego-portuguesa, ou portuguesa-galega como se prefira, e no seu día xa foi recoñecida co título que se concede cada ano de xuíz.

-¿O programa manterá o esquema tradicional?

-A xuntanza anual ten o seu ritual xa marcado para lembrar a memoria histórica: na igrexa xuntaranse os «Homes de acordo», un por cada pobo do Couto Mixto, e serán eles os encargados de abrir a arca das tres chaves -cada un deles garda a do seu lugar-. E alí procederemos a nomear aos novos xuíces deste espazo que durante séculos foi territorio independiente de Portugal e de España.

-¿Consideran recuperada a historia do Couto Mixto?

-Creo que nestes anos conseguimos reivindicar o legado do Couto Mixto e que na actualidade sexa de novo un territorio perfectamente identificado. Esta foi unha auténtica república dos soños, un territorio que entre o século XII e 1.864 -cando se asinou o Tratado de Lisboa, que marcou a desaparición do Couto Mixto- foi independente de España e Portugal, que se rexía polas súas propia leis e que nin tributaba nun país nin no outro, cultivaba o que quería e non aportaban veciños aos exércitos. Creo que entre todos, veciños da zona e a asociación, conseguimos manter viva a memoria.

-¿Materializouse o apoio das institucións?

-No 2007 conseguiuse que no Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galicia se fixera unha declaración unánime, e histórica, sobre o Couto Mixto e se recomendase a promoción de actividades e proxectos para recuperar este espazo. Como territorio singular, non os seus privilexios obviamente. Este apartado foi o que non se materializou. Si que ten habido actuacións, a Consellería de Cultura implicouse para recuperar as pinturas da igrexa de Santiago de Rubiás, pero non na medida do que se agardaba. Esa é a asignatura pendente.

-¿Cre que se recuperará?

-O Couto Mixto é o paradigma do abandono da Galicia interior. Cada vez está máis despoboado e non hai iniciativas nin proxectos para dinamizar esta zona. Para nós é un símbolo do que está a pasar co interior da comunidade. Non temos nada contra as rías nin as zonas costeiras, ao contrario, pero hai que promover iniciativas para recuperar o interior do país, a súa economía e o seu tecido social.

luís garcía mañá escritor e membro da asociación de amigos do couto mixto