A MIT centrará a súa edición 2014 á «musicalidade como artefacto escénico»

X. M. R. / LA VOZ

OURENSE

cedida

A Mostra de Ribadavia traerá por vez primeira a Galicia ao director inglés Declan Donellan

19 jun 2014 . Actualizado a las 15:59 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia celebrará os seus trinta anos de existencia cunha edición na que a liña principal será a «a musicalidade como artefacto escénico eficaz para xerar novas formas e provocar estímulos que capturen a atención dun espectador esixente, crítico e inconformista» e na que se contará coa presenza, por vez primeira en Galicia, do director inglés Declan Donellan. A programación da MIT 2014, que se celebrará entre os días 19 e 26 de xullo, foi presentada esta mañá en Compostela, no Consello da Cultura Galega. No acto participaron o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral da consellería, Anxo Lorenzo, o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, o director da MIT, Roberto Pascual, e o presidente da institución, Ramón Villares. Entre as propostas máis salientables da MIT 2014 destacan a continuidade na faceta do festival como coproductor escénico, nesta ocasión coa montaxe «A tempestade», obra de Voadora que se estreará en Ribadavia, a iniciativa de afondar nos «espectáculos de cercanía» coa representación de tres pezas con aforo limitado na igrexa da Madalena, a potenciación do programa escénico infantil da Casa da Cultura e das representacións polos pobos da vila, o ciclo SputMIT, e unha especial presenza de obras vencelladas ao legado de Shakespeare, co gallo de cumprirse o 450 aniversario do seu nacemento. Segundo indicou Roberto Pascual na presentación, nos vindeiros días daranse a coñecer as actividades complementarias da MIT 2014.