«Desbloqueouse o proceso e xa hai un camiño para recuperar o museo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O director do Arqueolóxico agarda que o Goberno aposte polo proxecto

08 jun 2014 . Actualizado a las 07:10 h.

Xulio Rodríguez González (A Mezquita, A Merca, 1954) leva toda a vida vencellado ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. O actual director lembra que dende que comezou a carreira, alá polo curso 1974-75, xa entrou en contacto co museo. Encetou os seus estudos no Colexio Universitario de Ourense e rematou en Valladolid pola súa querencia pola arqueoloxía.

-¿Como foi aquel descubrimento do Arqueolóxico?

-Eran anos dun ambiente de estudo e investigación moi interesantes nos que había unha estreita colaboración entre o profesorado universitario e o museo, entón estaba Ferro Couselo como director do Arqueolóxico. Daquela é a primeira excavación na que participei: foi nun castro na Lanzada e estaba dirixida por Francisco Fariña. Fumos ao rematar o primeiro curso da carreira.

-¿Sempre mantivo a relación co museo ourensán?

-Si. Rematada a carreira, no 82, accedín aos contratos que facían o Inem e o Ministerio de Cultura. Neses anos creouse un ambiente de traballo moi atractivo e participativo: eramos un grupo de licenciados novos e a implicación serviu para darlle pulo ao museo, ao grupo Marcelo Macías e fixemos intervencións na Praza da Madalena, en Monterrei e noutros lugares. Logo xa me incorporei ao corpo de facultativos e dende hai catro ou cinco anos, cando se xubilou Francisco Fariña, estou exercendo como director.

-¿Doce anos pechado ao público non é moito tempo?

-O museo non está pechado. É certo que a súa sede, o edificio da Praza Maior, non está aberta e iso chama a atención porque é un espazo emblemático que xa é atractivo en si mesmo. Mais o museo sigue traballando a pleno rendimento e cunha ampla actividade. É dicir, a sede da Praza Maior está pechada, pero o Museo como institución non deixou de ter actividade en todos estes anos. E ata o que é a parte expositiva tampouco se pechou.

-¿A que se refire?

-Temos unha sala en San Francisco onde se pode ver unha Escolma de escultura da provincia, que é o noso ámbito territorial, que tenta ser unha fiestra aberta á sociedade e seguimos desenvolvendo a serie da Peza do Mes.

-¿Cal é a resposta da xente a esta cita mensual?

-A Peza do Mes é unha iniciativa da que estamos moi satisfeitos. Comezou en 1999 e dende aquela, a dez pezas por ano, xa levamos un amplo camiño percorrido. Ademais leva moitas actuacións e actividades aparelladas: hai un gran traballo de investigación por parte da persoa encargada da sesión, a peza permanece un mes exposta na sala para que a xente a poda ver e a información da mesma, antes era un folleto e agora faise en soporte informático, remítese a case que mil destinatarios -entre persoas e institucións-.

-¿Cal é o día a día da institucón?

-O traballo do museo non se ve: o de catalogación, documentación e de investigación non chega ao gran público. E é precisamente ese traballo o que axuda a proxectar a parte expositiva, porque depende dos apartados anteriores que queremos transmitir e como o facemos. Nós tamén temos unha gran biblioteca de arqueoloxía, posiblemente das mellores existentes no que a fondo antigo se refire, e hai moitos investigadores que veñen a traballar para desenvolver proxectos. E non hai que esquecer que o Museo Arqueoloxico Provincial de Ourense recibe todos os ben mobles das excavacións que se fan na provincia, o que significa que o incremento de pezas anuais é incríbel. E sempre digo unha cousa: se a ti che entran 10 cadros ou 20 esculturas as catalogas e xa está, pero nunha excavación o número de pezas é considerable e as tes que ir tratando, nun complexo proceso, unha a unha.

-Tamén presentan anualmente catálogos en rede.

-Mantemos unha aposta polas novas tecnoloxías e participamos en varias plataformas e programas nos que colaboramos, aportamos pezas e contidos. Dende o da arte femenina ao estudo das pezas de marfil. Iso axuda a visibilizar as coleccións e os traballos que se realizan.

-O Goberno mantén unhas previsións para retomar as obras do Arqueolóxico e nunha resposta no Parlamento, a iniciativa da deputada Carmen Iglesias Sueiro, a Xunta indicou que se está tentando axilizar a intervención. ¿Que perspectivas de futuro hai?

-Son moi positivas, despois de pasar unha etapa na que non se sabía moi ben que dirección tomar. Co esforzo de todos -do Ministerio, da Consellería de Cultura e do propio Museo Arqueolóxico- conseguimos trazar un camiño, hai unha luz ao final do túnel e un traxecto por percorrer. Pódese cubrir en máis ou menos tempo, pero hai unha guía e unhas pautas para ese obxectivo. Déronse pasos e está a piques de saír a concurso o proxecto. Ao mellor para a xente de fóra non significa moito, pero para mín si porque iso é desbloquear un proxecto e empezar a facer o camiño. E canto máis empurremos todos antes se poderá andar e rematalo. A liña é esa.

-Falase dun hipotético horizonte do 2016 para voltar á sede da Praza Maior.

-Iso non son quen para dicilo. Datas só as que aparecen no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia. A partir de aí penso que é moi arriscado, porque todo depende da vontade económica que se queira pór.

-¿Un prazo orientativo?

-O que marcarán as partidas anuais que aparezan nos Orzamentos do Estado, ese vai ser o que fixe a data real.

xulio rodríguez gonzález director do museo arqueolóxico provincial de ourense

«A sede está pechada, mais o museo como institución sempre tivo actividade»

«O intervalo para reabrir na Praza Maior depende

das partidas nos orzamentos»