Palabras de lembranza e flores para Alexandre Bóveda

X. M. R. / OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

O Concello de Ourense recuperou a homenaxe ao nacionalistas xunto á súa casa da Barreira

04 jun 2014 . Actualizado a las 20:58 h.

A crise de goberno do Concello de Ourense, e o relevo en concellerías e responsabilidades ?coa saída do BNG?, adiou a xa tradicional homenaxe anual a Alexandre Bóveda (Ourense, 1903 - Poio, 1936). Unha cita, a do 4 de xuño, que voltou onte ao seu día unha vez normalizada a xestión municipal. Coincidindo coa data do seu nacemento e fronte a casa natal e a escultura de Buciños que mantén viva a memoria de Alexandre Bóveda, o Concello de Ourense anovou o compromiso «cunha persoa importantísima polo que significou para a nosa terra e para o nacionalismo. A pesares de vivir pouco, Bóveda convertiuse nun estandarte do que el quería para a nosa terra e polo que el loitou: contra as desigualdades e a inxustiza. El foi unha víctima da mesma, o que non impediu que se convertise nun referente do nacionalismo e para toda unha nación», como sinalou o alcalde Agustín Fernández. Xosé Lois Bóveda, fillo do homenaxeado, fixo un alegato a prol de manter viva a memoria porque «os descendentes non son culpables, mais han deixar saber para que a conciencia, como di Yolanda Castaño nun poema, non lles guinde pedras». Nunha intervención pola que transitaron referencias e citas de Álvarez Torneiro, Avilés de Taramancos, María Mariño, Celso Emilio Ferreiro, a súa nai Amalia Álvarez, Pousa Antelo, Xosé Xestou, Otero Pedrayo ou Manuel María, Xosé Lois Bóveda sinalou: «O valor humano permanente de Bóveda convérteo no compás que indica o norte. Foi un home honrado e bo que amaba ata a chuvia. A súa figura debe ser adoptada por todos os demócratas, por riba dos partidos políticos, mais con eles, ata que cada galego e cada galega vexa esa labarada que viu no seu día Castelao en Bóveda». Ana Garrido lembrou «a unha figura senlleira á que o réxime fascista roubou un futuro prometedor».