Percorrido poético pola «cidade máis literaria de toda Galicia»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

Yolanda Castaño lembrou aos escritores de Ourense e á Xeración Nós

04 jun 2014 . Actualizado a las 13:55 h.

Co agradecemento nos beizos «por darme a marabillosa oportunidade de exercer de pregoeira desta feira», a escritora Yolanda Castaño inaugurou coa súa intervención a Feira do Libro de Ourense. Un pregón, segundo a poeta, ben doado por canto «Ourense é a cidade máis literaria de toda Galicia, unha sorte de Dublín que para si ben quixera calquera Ulyses».

Yolanda Castaño artellou un texto a xeito de percorrido poético polas rúas da cidade, da man dos seus escritores e intelectuais máis sobranceiros. No seu camiñar literario «polas doutas rúas de Ourense» encetou pola vella libraría de Tanco na rúa Paseo, con Antón Tovar argallando poemas naquel espazo máxico no que nunca faltaban os libros censurados pola dictadura, e foi devagar polas rúas e prazas para lembrar a Filomena Dato, á marquesa de Atalaya Bermeja, a Lamas Carvajal, aos persoeiros da Xeración Nós, a Alexandre Bóveda e a Saco e Arce -«que naquel 1881 da vertixe dos soños que entraban na cidade (coa chegada do tren) estaba traballando nunha gramática do galego que estaba pelexando por nacer»-.

Da man de Yolanda Castaño entraron na feira os personaxes de Blanco Amor, voltou á Alameda o neno Casares e a poeta tivo palabras de loubanza para a rúa da Paz: «A da insigne Xeración Nós, a rúa máis pespunteada de letras de Galicia. A de Otero Pedrayo, Risco e Xaquín Lorenzo, entre outros». A pregoeira tamén se referiu a autores contemporáneos como Diego Ameixeiras, Chus Pato ou Fernández Naval. Nun aceno á historia, a escritora animou ao cidadáns a disfrutar da feira «porque Ourense somos nós».

Na súa intervención no acto de apertura, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura lembrou a importancia das ferias «como punto de encontro dos libros cos cidadáns» e o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, salientou a presenza de libreiros de Portugal no marco da capitalidade cultural do Eixo Atlántico.

Primicia de Galaxia

No programa para hoxe inclúese unha primicia: a presentación da nova novela de Miguel Anxo Fernández. O espido de Gina (Galaxia) chegará ao público por vez primeira na Feira do Libro de Ourense (19.30 horas).