Xosé Lois Foxo: «A Real Banda de Gaitas non ten nada que ver ca Deputación»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

SANDRA ALONSO

Insiste en que ninguén cobra por actuar na formación musical

06 abr 2014 . Actualizado a las 07:20 h.

Xosé Luis Foxo é o factótum da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Victorino Núñez, o falecido presidente do organismo provincial, tróuxoo de Barcelona para que crease un proxecto para ensinar a tocar a gaita na provincia e nestes anos foi promovendo escolares por todo Ourense e creando a Real Banda de Gaitas da Deputación. A decisión de crear a Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas púxoo no centro da polémica. O pasado mércores deuna de baixa. E síntese doído polo trato recibido.

-¿Por que di que non se entendeu o que quería facer?

-A fundación naceu como un apoio para a Real Banda de Gaitas, para conseguir máis axudas, non para suplantala nin para rematar con nada.

-No pleno da Deputación o presidente considerou un feito moi grave que se elixise como sede da fundación un edificio institucional.

-Tampouco ten maior importancia, fíxose así para axilizar as cousas. Había que poñer un enderezo e aquí é onde está centralizada a nosa actividade.

-¿Para que se necesitaría unha fundación?

-O obxectivo era dixitalizar o arquivo e promover actividades na escola e no museo. E conseguir axudas para as viaxes e actuacións que facemos no estranxeiro. Había empresas interesadas en axudarnos nesa faceta e deste xeito, cunha fundación, poderíamos contar con máis axudas.

-¿Liquidou a fundación logo de falar co presidente o mércores?

-Non. Ante tanto problema xurdido e pola polémica xerada decidín persoalmente liquidala. Anuleina o mércores a primeira hora.

-¿Ese día non foi o que se reuniu con José Manuel Baltar na Deputación?

-Si, pero non foi para falar deste asunto. A cita era para coordinar a viaxe que vai facer a Real Banda de Gaitas a San Petersburgo no próximo mes de maio.

-Cando se coñeceu a existencia da fundación o presidente da Deputación dixo que non estaba informado da creación, ¿é certo?

-Non vin a necesidade de informalo, aínda que si lle tiña prantexado en varias ocasións que era unha alternativa para o que xa lle dixen, para canalizar máis axudas e o apoio de empresas ou entidades que apostan pola Real Banda de Gaitas pola imaxe que ten no exterior. E porque non ten nada que ver coa Deputación.

-¿Que quere dicir?

-A min a Deputación pagábame, e págame, por dar clases de gaita. E a Real Banda de Gaitas como tal non ten nada que ver coa Deputación. A ninguén lle preocupou nunca saber como se creou nin como funciona a Real Banda de Gaitas.

-¿Leva o nome do organismo provincial?

-Certo. Pero nas miñas obrigacións non estaba, nin está, formar a banda e andar tocando con ela por aí. A miña responsabilidade profesional só é dar clases. A Real Banda de Gaitas da Deputación é obra miña, é un proxecto que naceu da miña afección persoal e do meu cariño hacia ela. A miña obrigación laboral e profesional coa Deputación non é a de ir tocar por aí, e a dos gaiteiros tampouco.

-¿Como explicaría daquela o seu papel na Real?

-Xa dixen que naceu do meu cariño e da miña afección. Eu deseñei as gaitas e os traxes, deseño e características que poderán ser cuestionables por algúns. E cada vez que imos tocar a miña muller pasa dous días lavando e pranchando a roupa -e ímola restaurando porque ten moitos anos e dá problemas-. E o único que fan é crear unha ordenanza para obrigarnos e impoñernos o que temos que facer ¿vostede coñécea?.

-¿Refírese á ordenanza da Deputación para regular o funcionamento da Real Banda de Gaitas?

-Si. Todo son ordes e obrigas pero ninguén se decatou de algo moi importante: ¿de que obrigas falamos cando non hai retribucións nin compensacións? No meu caso xa digo que é unha cuestión absolutamente persoal, fágoo porque me gusta e lle teño cariño, pero é que nin eu nin os rapaces que veñen tocar cobramos nada por iso. É algo totalmente gratis e altruísta. Se me di vostede que cobran un soldo ou unha retribución ao mes, como a Banda Municipal de Ourense, pois vexo ben que teñan unhas obrigas, pero no caso duns rapaces que o fan con toda a ilusión, ás veces con moito sacrificio porque teñen que recuperar clases. E ás veces cun trato que deixa moito que desexar.

-¿Como por exemplo?

-A nós dísenos que hai que tocar a tal sitio ou a tal outro, repito que sen cobrar nada ningún dos integrantes da banda, e imos. E hai ocasións en que nin lle queren dar uns pinchos aos rapaces: o outro día fomos tocar a Vilamarín e dixéronnos que non había nada preparado para os músicos. E estamos falando que estivemos ata a unha da mañá e había rapaces que aínda tiñan que voltar para a casa en Verín.

-Vexo que non lle gusta moito a ordenanza.

-É que me parece unha ofensa hacia unhas persoas que non cobran nada e que lle dan un prestixio á Deputación e á provincia cada vez que saen a tocar por aí. Se fosen empregados ou asalariados da institución podería entendelo, pero non coas condicións que teñen.

xosé lois foxo director da escola provincial e a real banda de gaitas

«A Real é obra miña, é un proxecto que naceu da miña afección persoal»

«A ordenanza é unha ofensa hacia unhas persoas que non cobran nada»