A cultura reivindica o seu papel como dinamizadora de Ourense

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

Axentes, promotores e creadores apostan por unha maior colaboración

30 mar 2014 . Actualizado a las 08:25 h.

Ourense conta cunha importante oferta cultural, cun grande abano de propostas e iniciativas que fan da cidade un referente en Galicia. As infraestructuras dan resposta ás necesidades que se xeneran e o panorama é semellante ao que se rexistra noutras cidades, co conseguinte recorte de perspectivas e dimensión dos proxectos propio dos tempos de crise que se están a vivir. Entre as eivas que se fan evidentes estarían a falta dunha maior presenza nos medios de comunicación, a colaboración entre colectivos e a coordinación á hora de programar, para evitar a coincidencia de propostas dirixidas a un mesmo sector de poboación en horarios similares.

Ese podería ser o resumo do encontro que mantiveron en La Voz de Galicia diferentes representantes da cultura que se fai na cidade, e nalgún caso en todo o mundo, e no que participaron Rosendo Cid (artista e docente), Manuel Precedo (presidente do Cineclube Padre Feijoo), Diego González (da productora Lestrato), Xavier Paz (Libraría Torga) e a gaiteira Cristina Pato.

Creatividade, potencial e exilio

Para Xavier Paz a vida cultural da cidade é moi rica: «Foino cando estaban aquí os grandes intelectuais, daquela a Atenas de Galicia, e segue a selo agora mesmo. Obviamente non con figuras daquela proxección pero por unha realidade que todos coñecemos: porque os grandes se nos van por falta de oportunidades ou para ampliar a súa formación. Aquí temos un exemplo -por Cristina Pato- mais poderia citar agora mesmo unha chea de músicos, escritores, artistas e creadores en xeral nesa mesma situación. En resumo, contamos cunha creatividade e un potencial increíbel».

Rosendo Cid e Cristina Pato coinciden na reflexión acerca da produción cultural que se fai na cidade, e na necesidade de darlle un pulo que pasa pola toma de conciencia da mesma. Segundo a gaiteira «Ourense necesita unha imaxe de marca, crer no que fai. Pola miña experiencia vexo que Galicia ten unha boa consideración e creo que os ourensáns temos que sentirnos orgullosos do que se fai aquí e loitar por iso». Rosendo Cid chama a atención sobre a necesidade de «sumar esforzos e inercias para espallar os proxectos que se promoven dende aquí».

Aproveitar recursos e ideas

Paz e Diego González inciden nun aspecto que, na súa opinión, é unha das grandes eivas da actividade cultural ourensá: o que o libreiro e editor define como «o minifundismo cultural. Galiza é un país minifundista e iso trasládase a todos os aspectos, tamén á súa cultura. O que boto en falta é máis colaboración entre creadores e colectivos para desenvolver proxectos conxuntos, dándolle daquela máis pulo ao que se está a facer». Diego González pon como exemplo o Festival Grito Rock Ourense, que se desenvolveu nesta fin de semana e no que participaron varios colectivos.

Falta proxecto de cidade

Para Manuel Precedo a reflexión debe ir un paso cara adiante: «De acordo na colaboración, máis é preciso reivindicar un papel máis activo, e considerado dende o punto de vista social, dos axentes culturais e das actividades que promoven. O que pasa é que neste aspecto, como pode pasar con outros moitos que se citan normalmente, como o termalismo, falta un proxecto de cidade. Non hai políticas definidas nin se sabe o que se quere, todo e saír do paso».