Argimiro Marnotes: «Non son máis que un convidado de pedra na operación Pokémon»

OURENSE

Miguel Villar

O rexedor cre que a dimisión de Paco Rodríguez «foi cousa do PSOE»

23 mar 2014 . Actualizado a las 07:10 h.

A política na provincia de Ourense viviu nos últimos anos un relevo xeracional que, en moitos dos casos, deixou acenos a tempos non tan loxanos. Aínda que só sexa pola coincidencia de apelidos e filiacións políticas. Argimiro Marnotes Fernández (O Carballiño, 1966) leva como concelleiro no seu pobo dende o ano 2003. No 2011 conseguiu a maioría necesaria para ser alcalde. Como en tempos fixera o seu pai, Argimiro Marnotes Rodríguez, compatibiliza o cargo coa responsabilidade de deputado provincial.

-Problemas co matadeiro, cos bombeiros, coa piscina... semella que volvimos aos tempos en que o seu pai era alcalde.

-E se me vai como a el xa non me queixo.

-¿Cantos anos foi alcalde?

-Catorce. Eu non levo nin tres.

-No pleno sobre a Pokémon vostede reiterou que o único qe fixo foi «distraer» a Vendex, ¿mantén esa argumentación?

-E que non hai outra. Digoo e repitoo cantas veces sexa necesario: o único que fixen foi dilatar o proceso e distraer á empresa para non adxudicar a ORA, que era algo ao que nos comprometeramos cando nos presentamos ás eleccións.

-¿E non hai máis?

-A nós éranos máis fácil adxudicar a ORA. O proceso estaba na recta final e podíamos argumentar que non había volta atrás porque senón habería que pagar unha indemnización. E estou seguro que a xente o entendería.

-No debate plenario aludiuse a que o proceso estaba perfectamente deseñado ¿que quería dicir?

-Non vou entrar niso. Nós paralizamos a posta en marcha da ORA do Carballiño e non vou usar iso para buscar rendabilidade política.

-Se todo se fixo ben ¿por que está imputado na Pokémon?

-Eu non son máis que un convidado de pedra na operación Pokémon. Mantiven varios contactos cunha empresa para desfacerme dunha adxudicación que non queríamos asumir, e de paso para conocer prezos e condicións para servizos como os de limpeza e mantementos de espazos públicos, e diuse a casualidade de que esa empresa estaba sendo investigada. E non hai máis.

-Por certo ¿pagoulle a Vendex o xardín da súa casa?

-Non. E teño un problema: ¿que fago? Mandeilles un burofax para que arranxaran o que estaba mal e non se fixo. Se pago, sen estar feito o traballo, semella que o fago polo da Pokémon e se non o fago din que é un regalo.

-Vostede non aparece na lista de «nominados» para os regalos de Vendex ¿non lle regalaban nada?

-Non, aínda que niso tampouco estou de acordo na lectura que se fai.

-¿En que sentido?

-O que non se pode é darlle a relevancia que se lle está concedendo agora mesmo. As empresas, e mesmo distintas administracións, cara a final de ano decidían -se había beneficios claro- facerlle un detalle a algunhas persoas, clientes ou xente que ao mellor traballase con eles ou lle fosen proveedores. Ás veces era como unha fórmula para pagarlle menos a Facenda: xa que llo ían levar en impostos, pois tiñan un detalle cos seus clientes. E como se agora me chega unha señora maior aquí cunha botella de licor café porque me quere facer un detalle, ¿que fago? se lle digo que non parécelle mal.

-Xa, pero a señora do licor café seguro que non está en condicións de andar montando empresas e gañando vontades para facer negocios con concesións municipais.

-Vale. O que tento dicir é que detrás das empresas hai persoas e moitas veces ese tipo de cousas teñen máis que ver con cuestións de amizade ou de relación persoal. En todo caso, xa digo, era só por tentar dar unha opinión persoal ao respecto.

-¿Nunca pensou en dimitir?

-Non. Sempre dixen que non había nada que ocultar e apelo á presunción de inocencia. Si que é certo que o pasas mal: dende que chega a citación ata que vas declarar vives na incerteza; pero logo, ao saber de que vai a cousa, xa non te preocupas.

-¿É o seu caso?

-Si. Non deixaba de preguntarme que pasaba ou a que se podía deber a citación. Hai que darse conta de que entre que te citan e acudes a declarar pasan varias semanas. A cousa ten que ser doutro xeito, hai que axilizar os procesos porque senón estás sometido en todo momento a un xuízo paralelo.

-¿Como valora a dimisión do alcalde de Ourense?

-Creo que foi unha cousa máis de partido que unha decisión persoal. Non é algo do que poda falar con coñecemento de causa, xa que é un asunto interno do PSOE.

-Co paso do tempo, e o que se leva visto, algúns socialistas manteñen que foi precipitado.

-Foi o primeiro caso e ao mellor por iso se tomou a decisión; pero xa digo que non me corresponde a min xulgalo.

-¿Vostede dimitiría no seu caso?

-É dificil poñerse na súa postura. Saber o que pasou pola súa cabeza e as presións ás que estivo sometido. Non, non dimitiría.

argimiro marnotes alcalde do carballiño e deputado provincial

«Desde que chega a citación ata que vas declarar vives unha situación de incerteza»

«Aos regalos non se lle pode dar a relevancia que se lle está concedendo agora mesmo»