Un festival para respaldar «á cultura de base galega»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O conselleiro e a alcaldesa cos participantes na presentación.
O conselleiro e a alcaldesa cos participantes na presentación. Villar< / span>

Xesús Vázquez Abad salienta a aposta do certame de cine de Cartelle por ser «escaparate para o traballo anónimo»

16 mar 2014 . Actualizado a las 07:05 h.

Coincidindo co solsticio de verán o municipio de Cartelle, e A Chaira de Amoroce, en Celanova, serán os centros de actividade que acollerán a primeira edición do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo. Audiovisual, de xeito prioritario documentalismo, e propostas e proxectos vencellados co mundo rural serán os protagonistas do programa a desenvolver os días 20 e 21 de xuño.

No auditorio de Outomuro, en Cartelle, presentouse onte o certame nun acto no que estiveron presentes os dous codirectores, Aser Álvarez (Arrainos) e Inés Vázquez (Lareira Pop), a alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, o delegado da Xunta, Rogelio Martínez, e Francisco Macías, de Edicións Positivas.

O conselleiro de Cultura salientou o feito de que o festival «quere propiciar un debate sobre o mundo rural promovendo a recuperación do patrimonio material e inmaterial» e que a proposta servirá como plataforma e «escaparate para o traballo anónimo dunha morea de creadores que están a recoller a memoria do pobo galego» e de punto de referencia «para a cultura de base de Galicia». O conselleiro, como fixo a alcaldesa, salientou a figura do director de Cartelle. Carmen Leyte, a rexedora, dixo que «o Concello de Cartelle non podía deixar de apoiar unha iniciativa que servirá para espallar a figura de Carlos Velo». Aser Álvarez lembrou que o Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo nace como unha proposta multidisciplinar, coa vocación «de xuntar dous mundos, o futuro e o pasado deste país, e tendo presente o que son as nosas raíces». A reivindicación da figura e do legado de Velo será outro dos eixos de actuación do certame, un proxecto que nace «coa vocación de ser unha factoría creativa».