«A aposta é a cultura de base, sacar a nosa actividade á rúa»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

A programación da entidade «non compite coa do Concello de Allariz»

09 feb 2014 . Actualizado a las 07:10 h.

A Deputación presentaba hai uns días a nova edición da obra de Jesús de Juana sobre Vicente Risco. No acto, o vicepresidente da fundación e o autor rexeitaban os tópicos que historicamente se vencellaron á figura do intelectual. Luís Martínez-Risco (Compostela, 1959) é catedrático de Xeografía e Historia no IES Otero Pedrayo de Ourense.

-¿A imaxe crítica coa figura de Vicente Risco segue a ser un lugar común?

-É froito da visión simplista e maniquea deste país, o tópico do branco e negro. Non hai etapas en Risco, como se quixo facer ver, hai unha continuidade no seu traballo e pensamento: os aspectos que o ocupaban na súa xuventude (oriente, ocultismo, mundo esotérico, a tradición, a terra -o seu nacionalismo é de terra, non de sangue-, espiritualidade, pacifismo e outros) son os mesmos dos que trata na súa madurez. Iso vese perfectamente en traballos asinados nos anos 20 e a finais da década dos 50 ou primeiros 60.

-¿Cales son os fins da entidade?

-A catalogación e dixitalización dos fondos, que se fai ao ritmo que marca a dispoñibilidade económica, e as convocatorias anuais que temos no apartado de premios: de creación literaria, ciencias sociais, o escolar de recente creación -Atrapando a memoria- e dende o pasado ano o de xornalismo literario, en colaboración con Amarante. Tamén organizamos actividades académicas e cursos; e temos a edición de publicacións e audiovisuais.

-Manteñen unha importante actividade en Portugal. ¿Por alguha razón en especial?

-En principio por ser fieis ao legado de Risco, e por considerar que aínda hoxe é unha saída natural de Galicia.

-En base á programación que desenvolven deben ser unha das fundacións máis activas.

-Dende hai anos estamos entre as tres primeiras da comunidade. Así figura nos baremos que manexa a Xunta para facer a concesión de axudas.

-¿Non hai conflicto de competencias co Concello de Allariz?

-Non, hai unha coordinación e o Concello está na propia fundación, co cal saben a nosa programación e non hai concorrencia. Non hai competencia co Concello de Allariz, en todo caso complementariedade.

-¿O obxectivo pasa pola dinamización cultural?

-Nós apostamos por facer cultura, polo traballo de base, e pareceunos unha boa proposta que as actividades da fundación salgan do edificio da mesma, por iso se fan concertos e presentacións en diferentes locais e temos convenios de colaboración con varios colectivos.

-¿En que proxectos están a traballar na actualidade?

-En moitos. Queremos consolidar o premio de xornalismo literario, o ciclo de música medieval e o de poesía. Este último non sería posible sen a colaboración desinteresada e o apoio de Yolanda Castaño.

«Queremos que os veciños nos vexan como un servizo máis do seu pobo»

«A catalogación e dixitalización dos fondos faise en función das axudas»