O ourensán Luis Antonio Pérez gaña o Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil

X. M. R. / Ourense

OURENSE

O xurado elexiu o traballo entre os nove orixinais presentados a concurso

29 ene 2014 . Actualizado a las 21:10 h.

Coa obra «O trasno de Bóveda e a chave máxica» o ourensán Luis Antonio Pérez gañou o XI Premio Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil e Xuvenil, na súa modalidade de narración. O xurado celebrou esta tarde unha xuntanza no Simeón e acordaron os seus membros conceder o premio ao orixinal de Luis Antonio Pérez salientando «o despregue imaxinativo e a súa adecuación tanto para o público infantil como xuvenil». Ademais o xurado tamén destacou «a importancia da narrativa coloquial da obra e o seu vocabulario, así como a narración fluída que entronca coa cultura propia de Galicia e, sinaladamente, de Ourense. Tamén destaca o xurado que se trata dunha obra que, pola súa trama, mantén unha atención constante do lector dende o principio ao fin, e, en xeral, de todos os traballos presentados salienta o alto nivel dos mesmos cualificándoos como 'emocionantes'». O galardón está dotado con 1.500 euros e agora a Deputación de Ourense convocará o concurso para elexir as ilustracións que acompañarán o texto. Luis Antonio Pérez é traballador de banca e, segundo declaraba logo de coñecer a súa condición de gañador do premio, non conta con obra publicada «aínda que teño varias escritas, que fun remitindo a varios premios». O orixinal premiado é a segunda parte dun texto que escribiu para os seus fillos.