«Da terra do son axuda a que non se perda a nosa cultura»

LETICIA ÁLVAREZ OURENSE/ LA VOZ

OURENSE

Fina Ulloa

03 oct 2013 . Actualizado a las 07:15 h.

O sábado os lectores de La Voz de Galicia poderán levarse, co seu exemplar e só por 1,99 euros, un disco que recolle parte do repertorio da banda de gaitas Abertal, de A Rúa. Forma parte da colección Da terra do son que os suscriptores poden adquirir de forma conxunta e pola metade do precio. Manolo Durán diríxea Abertal dende a súa creación, en 1989.

-¿Cal foi a evolución da banda?

-Ao longo de todos os anos mantivemos máis ou menos o mesmo número de alumnos na escola. Formamos a rapaces novos e cando xa teñen idade vanse indo e veñen outros. Nestes intres temos ao redor de vinte integrantes.

-Este ano celebran o vintecinco aniversario. ¿Celebrarano?

-Trataremos de xuntar ao máximo de xente posible, aos que participaron e aos que colaboraron. A nosa idea é facer actuacións para mostrar o noso repertorio e unha exposición con traxes, instrumentos e recortes de xornais para que a xente coñeza a historia da escola.

-¿Que valores tratan de inculcarlles aos seus alumnos?

-Que ademais de saber tocar un instrumento, teñan un sentimento pola nosa cultura. Saber que é algo noso e que hai que levalo no corazón. Que non sexan simplemente uns executores senón que sintan que son gaiteiros. Fórmanse non só como músicos; tamén como persoas.

-¿Que peculiaridade resaltaría da banda que dirixe?

-A defensa do gaiteiro tradicional galego, da música propia sen influencias doutras culturas ou doutros países. En canto ás influencias musicais, dos lugares que máis recollemos é das zonas de Beariz e de Avión.

-¿Cal é a súa opinión respecto á iniciativa posta en marcha por La Voz de reunir nunha colección a varias bandas de música e gaitas de Ourense?

-Paréceme moi boa idea polo feito de que a colección Da terra do son axuda a que non se perda a nosa cultura. A xente vai poder escoitar o noso primeiro cedé, posto á venda en 2001.

manolo durán blanco director da banda de gaitas abertal