O retiro do arcebispo en Sarreaus

JESÚS MANUEL GARCÍA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

José Carballo descansa cos seus en Lodoselo antes de volver a Roma

16 ago 2013 . Actualizado a las 07:15 h.

José Carballo, recentemente consagrado arcebispo de Belcastro, está de descanso na súa terra, Lodoselo, Sarreaus. O novo secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, por encargo do papa, disfruta cos seus na Limia. Leva na casa unha semana e seguirá ata o día 20, que regresará ao Vaticano. Onte presidiulle a misa da Asunción ou da Virxe dos sete anxos aos seus veciños. «Foi o meu primeiro pontifical no pobo», sinala.

«Estes días leo e traballo no xardín. En vacacións non descanso, cambio de actividade», indica. Está lendo un libro italiano sobre grandes personaxes daquel país que Carballo adora e no que leva vivindo xa varios anos.

Quen xa foi ministro xeral da Orde dos Frailes Menores desde 2003 a 2013, comparte uns días coa súa irmá, co cuñado e cos sobriños. Xa hai na casa unha cativa que é a ledicia de todos. Fai un ano finou o pai de José Carballo e esta é a familia que lle queda.

Onte foi un día especial. «Pasámolo en familia, eles están contentos, na casa tivemos algúns amigos convidados e o pobo está contento», explica este home sinxelo, que é o orgullo de Lodoselo onde os seus veciños o admiran pola responsabilidade alta que ten a nivel internacional na Igrexa. «Na vida consagrada somos no mundo 1,5 millóns de relixiosos. Hai moita diversidade de vida e problemas». O pai Carballo xa estivo en Vigo, en Santiago, en Ourense, Ponteareas e inda terán os amigos unha xuntanza mañá mesmo.

Este veciño de Lodoselo é amigo do papa Francisco desde o 2004. Despachará con el a primeiros de setembro. «Colaboramos bastante en Buenos Aires, visiteino alí e outra vez non puiden e inda mo recordou hai pouco», sinala.

Carballo escribe un libriño e pasea polo pobo. «O meu pobo ten verde, castiñeiros e de momento non foi queimado. Estámonos matando a nós mesmos. Somos responsables de conservar a natureza que nos fai máis persoas», explica este limiao. «É sacrílego atentar contra a natureza porque é atentar contra o home e vaimos pasar factura», engade o arcebispo.