Francisco Fernández: «O expediente impútalle doce cargos á secretaria»

OURENSE

O Concello continúa co proceso contra a funcionaria por considerar «límite a súa inxerencia na labor do goberno»

26 jul 2013 . Actualizado a las 07:05 h.

O 18 de xuño o alcalde de Trives, Francisco Fernández, firmaba un decreto abríndolle un expediente disciplinario á secretaria-interventora do Concello, Milagros Calvo, e suspendíaa das súas funcións. Calvo levou o tema ao xulgado, e o xuíz vén de darlle a razón na súa petición de volver ao traballo. Non será de inmediato, aclara Fernández, «ata o 16 de setembro non será firme a sentenza, así que ata ese día non podería volver. E iso se non a recorremos [ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]».

¿Farano?

Ímolo estudar. Se recorremos, continúa a suspensión decretada, que ten un prazo máximo de seis meses, o que marca a lei.

Di a sentenza que non xustificou a suspensión.

Nós considerámola necesaria pola gravidade das faltas que se lle imputan, e para poder garantir a correcta tramitación. Consta acreditado que levou un ordenador propiedade do Concello no que constaba documentación, e non o entregou ata 8 horas despois en dependencias xudiciais, co que tivo tempo de borrar cousas. E levou as chaves do despacho asignado á secretaría... nunha mostra de que ás veces confúndese o material asignado a un funcionario con algo propio.

O que si recoñece a sentenza é a súa competencia para abrir o expediente. ¿Segue adiante?

O martes xa se lle entregou o prego de cargos feito pola instrutora do expediente. Impútanselle 12 cargos por falta graves e moi graves. Agora a señora Calvo ten 15 días para alegar. Despois a instrutora realizará as probas que estime, e finalmente pode ditar propostas de resolución. Despois a Dirección Xeral de Administración Local ditará resolución definitiva.

Pode parecer pouco neutral que o expediente o leve unha concelleira do seu grupo.

Así o recolle a lei.

¿Que motivou isto?

Chegouse a unha situación límite de inxerencia nas labores de goberno. Entendemos ademais que se levan producido danos irreparables, como o feito de que non certificara a dispoñibilidade de cartos para solicitar con A Veiga, Manzaneda e O Bolo un obradoiro de emprego, en idéntica situación que fai un ano, cando si o firmou; ou cando non emitiu informe para contratar unha brigada forestal. Son contratacións que xa non se poden facer. Tamén é importante a continua desautorización do alcalde ante outros traballadores; ou cando se atribúe competencias que non son propias, como a de ordenar a suspensión de pagos que levou a situacións como que a Policía Local non puidera usar o coche porque non autorizou o pago de combustible, cando iso é competencia miña.

Ela dixo no xuízo [segundo publicou La Voz] que era porque non quería que fiscalizara os seus gastos.

Esa é unha opinión súa, que o xuíz tampouco comparte, porque nada máis acordarse a suspensión, pedín á Deputación un secretario. E dúas veces tramitei o mesmo ante a Xunta, sen resposta ata o momento. Parece que lle entrou a vena fiscalizadora no 2011, porque ¿que labor de fiscalización fixo nos 20 anos de goberno do PP? Porque vendo o endebedamento do concello... Pero eu non vou marchar para a casa.

¿Quen falou de que marche?

Hai cousas que non fai falta dicilas directamente. Se pretende que me aburra ante a imposibilidade de contratar persoal, de lograr que as rúas estean aptas para o paso de peóns e coches, de reparar cousas... Só dicir que non o van conseguir.