Vidal Bolaño voltou ao Ribeiro

OURENSE

Santi M. Amil

Teatro do Aquí recuperou «Criaturas» e Cachirulo trouxo aos monicreques

22 jul 2013 . Actualizado a las 23:18 h.

Nun ano cultural no que un dos protagonistas máis sobranceiros do mesmo é Roberto Vidal Bolaño, a súa figura e a súa obra non podían faltar na capital do Ribeiro. O dramaturgo, director e actor teatral sempre lle tivo lei a Ribadavia e recoñecía que o Premio Abrente, conseguiuno en 1980 por Bailadela de morte ditosa, o decantara hacia á escena nun tempo en que se debatía entre o cine e o teatro.

Na mesma xornada en que botaba a andar a MIT máis vencellada á súa propia historia, ao celebrarse os 40 anos da primera Mostra Abrente, na igrexa da Madalena abría as súas portas ao público unha exposición sobre a figura e a obra do autor ao que se lle adican este ano as Letras Galegas. E na noite do domingo o castelo de Ribadavia acollía unha das últimas producións do autor: Criaturas.

Trece anos despois

Na XVI Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia a compañía de Vidal Bolaño poñía en escena Criaturas. O autor e promotor de Teatro do Aquí representaba un dos papeis daquela obra que enfrontaba a realidade máis singular recollida a través de feitos «suxeridos da observación da propia realidade, pola lectura de crónicas de sucesos, o seguimento dos noticiarios de radio ou televisión, e da nosa convivencia con eles» coa criatura creada polo Doctor Frankenstein antes de que esta se perdese para sempre fuxindo da civilización. Aquela representación desenvolvíase no auditorio do castelo de Ribadavia no 21 de xullo do ano 2000.

No mesmo escenario, outra volta na MIT, coa mesma compañía e na mesma data, o 21 de xullo, a obra de Vidal Bolaño voltaba á capital galega do teatro. E de certo que non poucos dos que disfrutaron da versión orixinal estaban o domingo no castelo para lembrar ao dramaturgo mentras asistían á representación da versión protagonizada por Belén Constenla, Vicente de Souza, Marcos Orsi e Xoán C. Mejuto. E no 2013, como acontecerá no 2000, os espectadores da MIT agasallaron cos seus aplausos a Teatro do Aquí e a Vidal Bolaño pola ironía que caracteriza a súa particular paisaxe social.

Cachirulo e Antroido

Títeres Cachirulo estivo hoxe en Francelos con Romance dos figos de ouro, e Antroido traerá BailadELAS á MIT o día 25.