O curso de Celanova «dá visibilidade ao sector audiovisual»

X. M. R. Ourense / La Voz

OURENSE

CEDIDA

Anxo Lorenzo salienta a iniciativa como foro de formación e reflexión

18 jul 2013 . Actualizado a las 07:05 h.

O Auditorio de Celanova acolle dende onte a décima edición do Curso de Medios Audiovisuais que organiza a Fundación Carlos Casares. Na sesión de apertura do mesmo, que este ano leva por título O audiovisual galego: presente cambiante e alternativas de futuro, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, referiuse á convocatoria como «un espazo de formación e de reflexión imprescindible sobre as posibilidades do sector», ao tempo que lembrou que a cita constitúe «unha fiestra aberta para mostrar o produto audiovisual galego máis destacado e un encontro que dá visibilidade ao sector audiovisual». Dende a fundación, Xavier Casares lembrou que a entidade apostou dende a súa creación polas accións formativas e os proxectos de difusión cultural. María Lameiras, vicerrectora do Campus de Ourense, asegurou que a Universidade de Vigo vai seguir implicada na proposta de Celanova por ser un proxecto «moi consolidado».

«O Apóstolo», a Seul

Polo curso que dirixe Miguel Anxo Fernández pasaron onte os responsables de proxectos como O Apóstolo, Personal Movie e A muller do eternauta. Fernando Cortizo (O Apóstolo) desvelou como se foi creando esta multipremiada cinta de aninación e anunciou que a película irá ao Festival de Cine de Seul. Hoxe está prevista a participación, entre outros, de Eloi Enciso co seu traballo Arraianos, centrado no Couto Mixto.