Eduardo Barreiro: «Obama foi unha decepción»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

CEDIDA

O emigrante de Avión salienta o poder crecente dos latinos en USA

15 jul 2013 . Actualizado a las 14:00 h.

No ano 1976 a realidade social e económica non era a mellor das posibles: coa resaca da crise do 73 aínda viva e a indefinición dunha transición política que tiña que andar a modo. Modesto Barreiro era estudante en A Coruña e xa tiña a parte dos seus irmáns na emigración en México. Lembra aqueles tempos perfectamente: «Aquí a situación era mala, non había moito onde traballar e tampouco é que vises posibilidades de ningún tipo». Con 18 anos marchou para o país centroamericano, como moitos dos veciños de Avión e Beariz que formaron parte da cadea migratoria xerada polo coñecido «efecto chamada», a traballar nos negocios vencellados a este colectivo: «Motel, moblerías e no que surxira».

De México a EE. UU.

A mediados dos 80 a emigración mexicana viviu unha das peores etapas dos últimos decenios -«era caótico: a moeda perdera máis do 50% do valor e non había maneira de que a cousa mellorase»- e Barreiro Vázquez decidiuse a dar o salto a Estados Unidos. Como na primeira ocasión o camiño xa estaba aberto: «Unha das irmáns que estaba en México xa se fora para Estados Unidos e daquela decidín probar sorte e emigrei de novo en 1986». Nos primeiros tempos en Yonkers, cidade ao norte de Manhattan, este ourensán de Avión traballou na venda de bebidas e licores, «era duro polos horarios que tiñas que facer, sobre todo nas fines de semana», e logo pasouse á elaboración de embutidos, unha decisión «que foi todo un acerto». Un amigo seu di que foi o primeiro en facer chourizos galegos en Nova York, aínda que el asegura que iso habería que matizalo: «Os cubanos coñecían o proceso e o produto polos emigrantes galegos, e facían algo que se lle parecía. Nós fixémolos, mais vimos que tiña máis mercado adaptarse á demanda da xente que estaba establecida na zona, daquela empezamos a elaborar salamis, chourizos frescos -o que aquí vén sendo un ?criollo?-, de pavo, etc. E todo co sabor típico do Caribe, coa tradición dominicana e de Puerto Rico. E iso ten unha grande demanda porque hai moito emigrante desa parte e queren os seus produtos ou algo que se lle asemelle o máis posible».

O colectivo mellorou

Barreiro ten doble nacionalidade e como cidadán americano vota nos EE. UU. Viviu en primeira persoa a evolución do declive de popularidade de Obama: «Foi unha decepción, moito ruído e poucas noces como se di aquí, e a súa popularidade baixou moito. Xogou a baza dos hispanos e os coletivos latinos pero non fixo a reforma migratoria que prometera. Nesta segunda volta volveunos convencer, xa con menos apoio, co famoso ?Agora si? pero vese que a cousa non vai sair adiante. Moita xente pensa que vai ser como no 84, que se lle diron papeis a todo o mundo, pero iso xa é imposíbel». O que é certo, como sinala, é que a situación mellorou moito con respecto a como era cando el chegou: «Agora hai xornais e televisións en español e escoitas falalo en moitos sitios. Ata os políticos aprenden o idioma ou algunhas frases para achegarse ao colectivo».

modesto barreiro vázquez empresario en ee. uu.