«Vou reivindicar o humor especial que temos en Ourense»

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Camilo Franco cunha das súas obras sobre Vidal Bolaño.
Camilo Franco cunha das súas obras sobre Vidal Bolaño. capotillo< / span>

O autor di que «sempre está ben que te chamen para dar o pregón do teu pobo»

22 jun 2013 . Actualizado a las 07:20 h.

O escritor e xornalista Camilo Franco exercerá esta noite de pregoeiro das festas. Unha responsabilidade que xa desenvolveu noutras ocasións, entre outras citas na MIT de Ribadavia.

-¿Como xurdiu a iniciativa?

-Por non ter outro mellor (ri). Chamáronme un día para propoñermo e comentei que non era a persoa máis axeitada, que para iso mellor algún artista -cantante, actriz ou similar- que os escritores non temos moito tirón. Ademais, a min non é que me fagan moito caso en Ourense. En xeral, quero dicir.

-¿Por que se decidiu daquela?

-Por ese aspecto infantil, sentimental e familiar que ten a cousa ¡igual miña nai pensa que cheguei a ser algo se son o pregoeiro das festas! E porque soa divertido ¡que te chamen para dar o pregón das festas do teu pobo sempre está ben! ¿ou non?

-¿Vai ler un texto ou improvisará como noutras intervencións?

-O que se leva nestes casos, como o propio nome indica, é a lectura do pregón e sempre convén levalo escrito pola responsabilidade que vai aparellada.

-¿Xa o ten preparado?

-Non, aínda que sei por onde vou tirar unha vez que me poña a escribilo. Tradicionalmente o seu é animar á xente a participar da festa, disfrutar da música e divertirse. E vou lembrar os tempos nos que era eu quen ía ás festas e todas as recomendacións que che facían antes de sair: ?pórtate ben?, ?leva cartos? e cousas polo estilo.

-Tendo en conta que, probablemente, estará a súa filla na Praza Maior xa aforra o ter que darlle os consellos.

-Iso hai tempo que o teño aforrado porque esa fase xa está superada. Coñéceos todos.

-¿E non haberá versión críptica da realidade recente?

-Reparei nos gin-tonics, aínda que cando eu ía as festas estaban de moda outras bebidas. E falarei do humor ourensán.

-¿Que vén sendo?

-Cando andas por aí sempre che din ?é que os de Ourense tendes un humor particular?. E é certo, os de Ourense temos un sentido do humor especial e singular, que para min é un humor á defensiva, como para contrarrestar os ataques. No texto vou reivindicar esa singularidade.

camilo franco escritor e xornalista