Cerimonia de exaltación municipalista en Amoeiro

JESÚS MANUEL GARCÍA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

O Concello honrou aos dous exalcaldes da democracia e a todos os concelleiros entre os anos 1979 e 2011

15 jun 2013 . Actualizado a las 19:44 h.

Amoeiro viviu hoxe a cerimonia de exaltación da democracia municipalista, acto desenvolvido na casa Grande de Cimadevila, en Trasalba, no que se lle entregou a medalla de ouro do Concello aos exalcaldes José González Pérez e Manuel Fernández Rincón, e onde se materializou o nomeamento de Membro de Honra da Corporación Municipal para todos os concelleiros que o foron en Amoeiro desde o ano 1979 ata o 2011.

En nome de José González, que se atopaba alí mais por razóns de saúde non puido intervir, falou a súa dona para agradecer a medalla «polos oitos anos que estivo de traballo con todos os seus concelleiros». Fernández Rincón tamén deu as grazas ao alcalde actual pois sentiuse honrado en recibir a medalla: «Por estudos non podía ser alcalde pero sempre tiven xente que me axudou como a secretaria que nunca me embarcou».

Recoñeceu Rincón que nos vinte anos que estivo na alcaldía non houbo pelexas: «Sempre nos levamos ben. Fixemos todo o que puídemos. Estou contento do que fixen. Grazas aos concelleiros de todos os partidos».

Cada presentación foi precedida dun vídeo monográfico sobre o homenaxeado, en total cadro cintas que emocionaron a moitos pola música e as imaxes doutros tempos. Recolleron a súa distinción honorífica todos os que ocuparon un posto de concelleiro en Amoeiro entre os anos mencionados, cun vídeo que contén a foto de todos eles; houbo tamén un recoñecemento póstumo para os que xa non están, co seu vídeo onde se recorda a súa imaxe e as datas en que exerceron o cargo político.

Na casa grande estaba cheo o salón de actos e unha carpa no xardín con pantallas para seguir a cerimonia desde fóra. O alcalde actual, Rafael Rodríguez Villarino, lembrou que con todas estas persoas tapiouse o túnel do totalitarismo. «Abreuse o espazo da liberdade e a igualdade. Grazas á restaurada democracia agromou a semente que troca favores por dereitos, submisión por dignidade e impunidade por responsabilidade».

Sinalou como en nome da crise estanse a producir certas sombras. «Estanse a producir graves recortes de dereitos, desatándose unha xustificada reacción de indignación por todos coñecida», sinalou.

Villarino fixo unha chamada ao apoio dos concellos. «Os concellos coñecemos as vantaxes da cooperación e estamos acostumados a asociarnos en agrupacións, consorcios, mancomunidades e federacións de municipios e provincias», dixo o rexedor, facendo esta reclamación: «Máis recursos e máis autonomía municipal. Os concellos somos entidades maduras e responsables, que non precisamos tutelas nin sentir que recibimos esmolas para poder servir aos veciños».

A de hoxe foi unha festa do municipalismo, unha novidade en Amoeiro e na provincia. Cantaron as pandereteiras Pandemeiga, que interpretaron a Pandereitada de Beresmo e a Pandeirada de Liñares.

A Escola Cantorum de Amoeiro cantou Unha noite na eira do trigo e Lela. E, ao remate do acto, as dúas agrupacións con todo o público en pé, cantaron o Himno de Galicia.

Entre os convidados estaban o vicepresidente primeiro da Fegamp, Alfredo García; o Fillo Predilecto de Amoeiro, Antón Pulido; a vocal da xunta de goberno da Fundación Otero Pedrayo, Susana Reboreda mais algúns alcaldes como os de Ourense, Coles, Maside, Punxín, escusando a asistencia os de Vilamarín e A Peroxa.

A xornada festiva continuou na Carballeira do Souto cun xantar para o que todos escotaron.